A Xunta investiu 190.000 euros no reforzo do firme da estrada autonómica LU-109, en Monforte de Lemos

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que se renovou o pavimento nos 3,5 quilómetros de lonxitude da vía e agora estase a completar o repintado da sinalización horizontal

Monforte de Lemos (Lugo), 24 de novembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de investir 190.000 euros nas obras de mellora do firme da estrada autonómica LU-109, no concello de Monforte de Lemos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado por persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), supervisou o resultado dos traballos de reforzo do pavimento nos 3,5 quilómetros de lonxitude da vía, que formaba parte do trazado da antiga conexión Monforte-Sarria e que enlaza coa actual estrada Nadela-Monforte (LU-546) a través da parroquia de Ribas Altas.

As obras consistiron na execución dunha nova capa de rodadura con mestura bituminosa en quente en todo o traxecto. Agora estase a traballar no repintado da sinalización horizontal, tarefas que quedarán rematadas nos vindeiros días.

Arias precisou que a actuación foi financiada con cargo ao contrato de conservación ordinaria das estradas da Zona Sur co obxectivo de mellorar a seguridade do tráfico nesta área.

“Garantir o bo estado das infraestruturas viarias é unha das prioridades da Xunta”, salientou Arias, quen lembrou que os orzamentos do departamento de Infraestruturas para o vindeiro ano destinan máis de 10,5 M€ na provincia de Lugo para realizar actuacións de conservación, vialidade invernal, mellora de firmes ou supresión de tramos de concentración de accidentes.

Imaxes relacionadas