A Xunta aproveitará os fondos europeos para impulsar a rehabilitación enerxética de edificios e reducir ata en 65.000 Tn anuais as emisións dos fogares galegos

A responsable galega agradece á Embaixada danesa a invitación e subliña os vínculos establecidos coas autoridades do país e empresas punteiras en eficiencia enerxética

Considera que Dinamarca é un exemplo a seguir en materia de deseño eficiente e innovación construtiva e incide na oportunidade que supón para Galicia poder xestionar nos vindeiros anos 117 M€ dos programas de axudas en materia de vivenda

A aposta da Xunta por facer máis sostibles os inmobles de tipoloxía residencial contribuirá ao obxectivo de diminuír nun 55% as emisións de CO2 en Galicia ata 2030
 

Copenhague (Dinamarca), 23 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia aproveitará os fondos europeos dos programas de vivenda que xestionará nos vindeiros anos para darlle un pulo definitivo á rehabilitación residencial e máis concretamente, a aquelas actuacións que teñan como fin lograr unha optimización enerxética dos inmobles.

Tras lembrar que a Galicia lle corresponderán 117 millóns de euros a canalizar a través de sete grandes liñas de axudas, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asegurou que, segundo as estimacións da Xunta, estes fondos permitirán reducir entre 40.000 e 65.000 Tn anuais as emisións de CO2 vencelladas ao sector residencial grazas ás intervencións previstas nun total de 11.500 vivendas galegas.

No marco da súa visita a Copenhague convidada pola Embaixada de Dinamarca en España, a conselleira tivo ocasión de compartir onte unha cea institucional con algunhas das autoridades responsables das principais políticas e proxectos que se están a desenvolver no país en materia de vivenda, cambio climático ou eficiencia enerxética.

Entre eles cómpre subliñar a presenza do embaixador do Clima de Dinamarca, Tomas Anker, da directora da Axencia Danesa de Enerxía, Stine Leth Rasmusse, ou do director executivo de State of Green, un consorcio público-privado para o desenvolvemento da sostibilidade e a Axenda verde, así como unha representación das principais empresas danesas relacionadas coa eficiencia enerxética, arquitectos e urbanistas de prestixio.

Neste sentido, a conselleira asegurou que Dinamarca é un exemplo a seguir en todo o mundo en materia de eficiencia, innovación construtiva e deseño e arquitectura sostibles polo que agradeceu á Embaixada danesa a oportunidade brindada a Galicia con esta viaxe, unha ocasión única, dixo, para establecer vínculos co Goberno de Dinamarca e con representantes españoles de firmas como Rockwool, Grundfos, Danfoss e Velux, que están detrás de proxectos punteiros e de solucións innovadoras en materia de rehabilitación residencial, integración coa contorna e cidades resilientes.

Estes contactos e a información recompilada durante a visita de tres días a Copenhague, segundo dixo a conselleira, axudarán a Galicia á hora de orientar e explorar novas posibilidades construtivas e proxectos para seguir avanzando na súa aposta pola rehabilitación do patrimonio construído, especialmente aquel que ten un uso residencial.

Ao respecto, indicou que os fondos europeos que xestionará a Xunta nos próximos anos en materia de vivenda servirán de axuda para cumprir cos principais obxectivos de sostibilidade e neutralidade climática fixados pola UE e asumidos plenamente por Galicia, como, por exemplo, a redución nun 55% das emisións de CO2 de aquí a 2030.

Así, explicou que os fogares tamén son unha fonte de xeración de gases contaminantes polo que é fundamental traballar na súa redución a través da mellora da eficiencia de vivendas e edificios, subliñando a gran oportunidade que supón para a Xunta poder xestionar nos vindeiros anos os fondos de recuperación do Next Generation neste eido.

En concreto, serán sete novos programas cunha dotación de 117 millóns de euros e que terán como fío condutor a aposta pola eficiencia enerxética con aforros nos consumos de, como mínimo, un 30%, a través da construción de edificios de tipo residencial e, sobre todo, da rehabilitación e mellora de inmobles existentes, un aspecto no que Copenhague sobresae como unha das cidades máis sostibles e eficientes do mundo.

De feito, onte pola tarde a delegación española desprazouse ata Ørsted Gardens para coñecer un ambicioso proxecto que permitiu transformar un edificio ruinoso construído nos anos 60 nun inmoble de apartamentos e locais comerciais atractivo e plenamente integrado coa contorna, mellorando á vez o entorno visual e social de toda a zona.

Último día, centrado na enerxía

O programa de hoxe, último día da viaxe institucional de Ángeles Vázquez a Copenhague, puxo o foco de atención sobre a enerxía e as formas de produción sostibles e innovadoras polas que está a apostar Dinamarca.

De feito, a xornada arrancou esta mañá en CopenHill, onde a conselleira e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, puideron coñecer a central eléctrica de conversión de residuos en enerxía máis limpa do mundo.

A continuación, a delegación española desprazouse ata o barrio de Nordhavn, en plena expansión, convertido nunha gran cidade intelixente e un laboratorio punteiro que centra a súa actividade no desenvolvemento de solucións enerxéticas e no que recibiron unha explicación detallada do seu funcionamento a cargo de Carsten Rode, profesor da Universidade Politécnica de Dinamarca (DTU) e de Søren Hansen, representante da empresa Ramboll.

O proxecto en si funciona como un laboratorio de enerxías sostibles a gran escala e seis anos despois de que comezara a desenvolverse, xa demostrou como a electricidade, a calefacción, os edificios enerxeticamente eficientes e o transporte eléctrico poden integrarse nun mesmo sistema enerxético intelixente e optimizado.

 

Imaxes relacionadas