Profesionais do Sergas do ámbito da saúde materno-infantil asisten ás XIV Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva

Inauguradas polo xerente do Sergas, José Flores Arias, teñen lugar entre onte e hoxe na sede da EGAP

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021

Profesionais do Sergas do ámbito da saúde materno-infantil, asisten ás XIV Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva. Un ano máis, a Subdirección Xeral de Atención Primaria do Sergas organiza, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), as Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva, que van xa pola décimo cuarta edición, e que onte foron inauguradas polo xerente do Sergas, José Flores Arias, na Escola Galega de Administración Pública. As xornadas, que se celebran ao longo do luns e o martes, serán clausuradas a última hora desta tarde.

No primeiro día das xornadas, expertos nas distintas materias compartiron coas máis de cen persoas presentes, como evolucionou a educación maternal perinatal nos últimos anos; as consideracións a ter en conta sobre a saúde da muller durante o climaterio e menopausa; como a covid afecta á muller e ao feto ou neonato durante a xestación, parto e puerperio; así como aspectos do vínculo, desenvolvemento psicoevolutivo e interacción ante o fenómeno global e inédito da pandemia que estamos a vivir.

No segundo día, que se celebra hoxe, estase a falar sobre a abordaxe fisioterapéutica da dor pelviana crónica a nivel de atención primaria, así como do reto sanitario infradiagnosticado que supón o consumo de drogas durante o embarazo, para, finalmente, rematar cunha mesa redonda sobre boas prácticas en saúde sexual e reprodutiva, onde se presentan as tres experiencias galegas, das oito presentadas, que obtiveron o recoñecemento de boas prácticas no Sistema Nacional de Saúde da convocatoria 2019, das que dúas pertencen á Area Sanitaria de Coruña e Cee (“APP Risco cero” e “Proceso asistencial integrado de seguimento da saúde xinecolóxica en mulleres sans e asintomáticas”), e outra á Area Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (“Xestión de eventos adversos en Obstetricia”).

Na convocatoria de Boas Prácticas do ano 2019, era a primeira vez que se convocaba a presentación de experiencias candidatas sobre a Estratexia de saúde sexual, e a terceira para boas prácticas en saúde reprodutiva. En total, nas tres convocatorias, os centros do Sergas obtiveron o selo de Boas Prácticas no Sistema Nacional de Saúde. (9/14 no 2014, 6/7 no 2015 e 3/8 no 2019).

A pesares da situación actual que estamos a vivir por mor da covid, un ano máis é posible celebrar estas xornadas, que aínda cun aforo reducido, están a resultar un éxito, como en edicións previas. Os asistentes destacan a importancia de manter estas xornadas, que permiten actualizar coñecementos no ámbito da saúde perinatal e da saúde sexual e reprodutiva da muller ao longo da súa vida.

Imaxes relacionadas