A Xunta remata as obras de acondicionamento dos camiños de servizo da estrada autonómica OU-312 no concello de Lobios

Esta intervención contou cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros

As obras consistiron na mellora dos camiños de servizo na marxe esquerda de dous tramos desta vía, á saída de Lobios e preto de Vilameá
 

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de acondicionamento dos camiños de servizo da estrada autonómica OU-312 ao seu paso polo concello de Lobios.

A intervención, cun investimento de máis de 48.000 euros, consistiu na mellora dos camiños de servizo na marxe esquerda de dous tramos desta vía, á saída de Lobios, no punto quilométrico 2+120, e no tramo próximo ao núcleo de Vilameá, entre o punto 5+610 e o 6+170.

No punto quilométrico 2+120 actuouse nun pequeno treito antigo da estrada, que actualmente se atopa parcialmente en desuso, cun dos accesos impedido. O outro extremo si ten acceso á estrada e dá servizo a un grupo de casas próximas.

O tramo da vía do punto quilométrico 5+610 ao 6+170 é un camiño servizo paralelo á estrada que dá acceso a varias vivendas e vías secundarias. Neste camiño as tarefas previstas consistiron na limpeza e na regularización da calzada, así como na extensión dun dobre tratamento superficial en todo o tramo.

Ademais, o contrato incluíu a execución dun murete de perpiaño para protexer un desnivel existente entre o camiño e a estrada, entre os puntos quilométricos 5+935 e 6+050. Esta actuación completouse coa execución ao pé do murete dunha cuneta revestida.

A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas máis cómodas, seguras e eficientes.
 

Imaxes relacionadas