A Xunta licita as obras da senda na estrada PO-551 entre a Moureira e Palmás, en Moaña, e avanza na eliminación do treito de concentración de accidentes de Domaio cun investimento conxunto de máis de 2,2 M€

Vázquez Mourelle sinala que se eliminará o treito de concentración de accidentes entre o paso de peóns da travesía de Meira e a intersección coa estrada provincial á saída de Domaio

Detalla que se actuará en 12 interseccións, incluíndo a execución dunha glorieta de acceso ao porto de Domaio, que permite xiros máis seguros e calma o tráfico

Indica que tamén se intervirá nos pasos de peóns, habilitando dous novos e dotando 7 deles de sinalización intelixente, e instalaranse 3 marquesiñas nas paradas de autobús

Anuncia a licitación hoxe por 1,6 M€ do novo itinerario entre A Moureira e Palmás, na mesma estrada PO-551, cuxas obras comezarán na primavera, cun prazo de 12 meses

A senda, que irá desde a zona da praia da Borna ata a área recreativa da Cerradiña, está recollida no Plan de sendas do Morrazo, cun investimento global de máis de 5 M€
 

Moaña (Pontevedra), 23 de novembro de 2021

A Xunta licita hoxe as obras da senda na estrada PO-551 entre A Moureira e Palmás, en Moaña, e avanza na eliminación do treito de concentración de accidentes de Domaio cun investimento conxunto de máis de 2,2 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe estas obras de mellora de seguridade viaria, cuxo remate se prevé na vindeira primavera, tras un investimento de máis de 572.000 euros.

No que se refire á eliminación do tramo de concentración de accidentes, os traballos comezaron a finais de maio e atópanse ao 40% de execución. Neste sentido, Ethel Vázquez, precisou que se remataron as beirarrúas e a mellora das cuñas e radios de xiro en 4 interseccións, ademais da obra civil nos pasos de peóns e paradas de autobús.

Indicou que durante a execución dos traballos da glorieta de Domaio se constatou a necesidade de substituír as tubaxes en mal estado, que xunto coa dilación na execución dos servizos afectados de electricidade, suporán unha pequena demora na finalización das obras.

Explicou que o obxectivo é eliminar o treito de concentración de accidentes en Domaio, para o que se están a levar a cabo actuacións puntuais en 5,2 km desta estrada autonómica PO-551, entre o paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e a intersección coa estrada provincial á saída de Domaio.

Detallou que se actuará en 12 interseccións, como a da área recreativa da Cerradiña, ou a execución da nova glorieta de acceso ao porto de Domaio, de 26 metros de diámetro, que permite xiros en condicións máis seguras e contribúe ao calmado de tráfico.

Sinalou que tamén se dotará de beirarrúas, cuñas e mellor radios de xiro outras 4 interseccións e se adaptará a sinalización e o balizamento noutras 4.

Ademais actuarase en 9 pasos de peóns, habilitando dous novos e dispoñendo en 7 deles sinalización intelixente para facilitar a visibilidade. Así, disporán de sinais verticais luminosos e puntos de luces específicos para o seu alumeado cando detecten a presenza de peóns. Ademais, co fin de aumentar a visibilidade, tamén se limitará o aparcadoiro nos 10 metros anteriores a eses pasos.

Os traballos completaranse coa instalación de 3 marquesiñas nas paradas de autobús, coa renovación de barreiras de seguridade, a substitución de sinais por outros máis reflectores, e a colocación de bandas transversais á entrada da travesía de Domaio desde Rande, para alertar aos condutores de que entran en zona poboada e urbana.

A conselleira engadiu que antes de rematar o ano se licitarán as obras para suprimir o tramo de concentración de accidentes en Tirán, que tamén beneficiará ao concello de Cangas.

Nova senda

Por outra parte, Vázquez Mourelle anunciou a licitación hoxe por 1,6 millóns de euros dun novo itinerario entre A Moureira e Palmás, na mesma estrada PO-551, cuxas obras comezarán na primavera, cun prazo de 12 meses.

Lembrou que as empresas teñen de prazo ata o 20 de decembro para presentar as súas ofertas.

Trátase dunha nova senda peonil e ciclista, segura e accesible, pola marxe dereita, de 1,7 km, desde a zona da praia da Borna ata conectar coa beirarrúa da área recreativa da Cerradiña.

Apuntou que co fin de atender a solicitude do Concello, ampliarase a lonxitude da senda respecto ao solicitude municipal.

Esta intervención está recollida no Plan de sendas da comarca do Morrazo que a Xunta está a desenvolver nos distintos concellos, e que prevé a construción de máis de 8 km de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe, cun investimento superior aos 5 M€.

 

Imaxes relacionadas