A Xunta avoga pola educación e concienciación contra a violencia sexual desde idades temperás na xornada 'Agresión Off' celebrada hoxe no campus de Lugo

O Goberno galego levou hoxe ao campus de Lugo as xornadas coas que, con motivo do día 25-N contra a violencia de xénero, pretende sensibilizar aos máis novos

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, inaugurou o acto e instou ao Goberno central a emular á Xunta e artellar un sistema que permita retirar contidos web que promovan a violencia sexual así como a establecer mecanismos de vixilancia

Lopez Abella participará pola tarde, na cidade lucense, nunha das sesións de formación especializada do Colexio de Procuradores de Lugo sobre a atención a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero no ámbito xudicial

Lugo, 23 de novembro de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, inaugurou hoxe na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo a xornada Agresión Off coa que a Xunta está a sensibilizar a estudantes dos sete campus galegos contra a violencia sexual. Tal e como lembrou López Abella, a violencia sexual, os abusos sexuais e o acoso sexual son formas de violencia de xénero na Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Neste senso, sinalou que a normativa galega leva a dianteira e é moito máis ampla que a estatal neste recoñecemento. Así, afirmou que “o Estado ten que reformar a súa Lei Orgánica para incluír todos os tipos de violencia” e avogou pola educación e concienciación contra a violencia sexual desde idades temperás para previr este tipo de delictos.
Así mesmo, indicou que é un fito que Galicia teña actuado e leve dianteira ao resto das comunidades autónomas para facer fronte a situacións de ciberbullying, sextorsión, usurpación de identidade, sexting ou pornovenganzas, entre outros comportamentos con especial incidencia entre a mocidade.
Desde a Xunta séguese a reclamar ao Goberno central un desenvolvemento normativo que artelle un sistema de coordinación, cooperación e corregulación entre forzas e corpos de seguridade, empresas de telecomunicacións e provedores de contidos dixitais, para regular a potestade urxente de retirar contidos web que promovan a violencia contra mulleres e establecer mecanismos axeitados de vixilancia, lembrou a secretaria xeral.
Precisamente unha analise das formas de interacción social nas redes para a prevención de violencias sexuais na xuventude e a opinión, percepción, experiencias e aptitudes do alumnado sobre consumo de sexo comercial centraron os relatorios da iniciativa que tivo lugar hoxe no campus de Lugo.
Coa celebración destas xornadas, a Xunta está a dar continuidade, ás accións desenvolvidas no marco da campaña Agresión OFF, que en 2020 percorreu o diferentes puntos da xeografía galega, chegando a máis de 2.500 persoas, principalmente mulleres de entre 20 e 45 anos. O ciclo de xornadas nos campus universitarios de Galicia pecharase mañá en Vigo (24 de novembro). A información para participar na sesión está a dispor das persoas interesadas na web www.xornadasagresionoff.gal.

Formación para procuradores

A secretaria xeral da Igualdade, doutra banda, participará pola tarde, tamén en Lugo, nunha xornada de formación especializada do Colexio de Procuradores de Lugo sobre a atención a mulleres e menores vítimas no ámbito xudicial. O Goberno galego e o Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais manteñen unha colaboración estreita para reforzar a asistencia xurídica ás mulleres vítimas da violencia de xénero, no que se enmarca a actividade de hoxe. Esta cooperación, que no ano 2021 conta cunha asignación económica de 40.000 euros por parte da Xunta, permite ampliar a formación especializada en violencia de xénero do e das profesionais da procuradoría para garantir a mellor resposta asistencial ás vítimas.
Os cursos, seminarios, xornadas, conferencias e coloquios que están a organizar os colexios de procuradores poñen o foco na atención específica a mulleres e menores vítimas da violencia de xénero e sexual.
A procuradoría é parte fundamental no reforzo da asistencia xurídica ás vitimas. Como representantes técnicos nos xulgados, os procuradores e procuradoras poden contribuír a palíar a doble revictimización ao que pode ser sometida a muller no proceso xudicial. Por iso, se considera preciso desde a Xunta que se amplíe a formación especializada a todos os profesionais implicados para evitar a denominada victimización secundaria, o medo a non ser creída e, polo tanto, a retirar a denuncia e volver co agresor.
As mulleres vítimas da violencia de xénero teñen dereito en Galicia á asistencia xurídica gratuíta, con independencia dos seus recursos económicos. As oficinas de atención á cidadanía e ás vítimas, situadas nos xulgados das sete cidades galegas, ofrecen información e asesoramento e apoio emocional en situacións de crise. Todos estes apoios vense complementados polas medidas que a Xunta ten artelladas para a atención psicolóxica e social, con quendas de garda á dispor das forzas e corpos de seguridade e do ámbito xudicial que se poden activar en casos de urxencia, desde o momento de se presentar a denuncia.

Imaxes relacionadas