A Xunta colabora co Concello de Covelo na reparación da pista polideportiva e na creación doutra de skate

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe os traballos financiados no marco da Orde de Infraestruturas de uso público cunha axuda que supera os 35.000 euros

A través desta liña de axudas, o Goberno galego inviste na convocatoria deste ano 4M€ para 125 actuacións relacionadas coa dotación de equipamento e a mellora das instalacións destinadas á prestación de servizos municipais

Covelo (Pontevedra), 23 de novembro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe os traballos realizados no Concello de Covelo para a reparación da pista polideportiva municipal e para a construción dunha pista de skate, actuacións coas que a Xunta colabora cunha achega de máis de 35.000 euros no marco da Orde de Infraestruturas de uso público.
Natalia Prieto indicou que, con esta actuación, preténdese a mellora dos espazos para a práctica do deporte nun concello no que é preciso dotar de servizos aos máis novos para mellorar a súa calidade de vida e para fixar poboación.
O Concello de Covelo contaba cunha pista polideportiva que estaba deteriorada polo paso do tempo, de aí que a Administración local barallara a posibilidade de mellorala e modernizala nunha actuación na que tamén se acordou construír unha nova pista para a práctica de skate e da bicicleta. A Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, decidiu apoiar economicamente ámbalas dúas accións cunha achega de máis de 35.000 euros.
As melloras nas instalacións deportivas leváronse a cabo nun espazo cunha superficie aproximada de 900 metros cadrados, e encádranse nas axudas da Xunta destinadas aos concellos de menos de 30.000 habitantes, pensadas para mellorar a calidade de vida da veciñanza e, neste caso concreto, a dos máis novos, para afianzar poboación nos núcleos rurais.
Na convocatoria actual desta liña de axudas, a Xunta investiu 4 millóns de euros para financiar 125 proxectos como o que visitou hoxe a directora xeral de Administración Local. O investimento da Xunta desde 2009 na Orde de Infraestruturas de uso público supera os 40,6 millóns de euros e permitiu executar máis de 1.300 iniciativas dos concellos galegos coas que mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Entre esta liña de axudas e o Fondo de Compensación Ambiental (FCA) co que se financian melloras ambientais nos municipios galegos, a Xunta destinou nos últimos anos máis de 148 millóns de euros a 3.681 proxectos co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade de vida da veciñanza.
O Concello de Covelo recibiu nos últimos anos máis de 1,2 millóns de euros destas liñas de axudas, o que permitiu, entre outras actuacións, levar a cabo obras de saneamento, equipar ao municipio de maquinaria e vehículos para o coidado do medio ambiente, atender as necesidades de ocio dos máis cativos ou mellorar a eficiencia enerxética das instalacións municipais.

Imaxes relacionadas