A conselleira de Política Social asinou hoxe co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, o convenio para a cesión da parcela onde irá a nova residencia pública de maiores

Fabiola García afirma que "o sistema de coidados do futuro comeza no Barbanza"

A Xunta investirá 10 millóns de euros neste novo equipamento, no que se aplicarán as innovacións do novo modelo residencial

Contará con 100 prazas distribuídas en módulos de convivencia de 25 residentes, con habitacións individuais e baños adaptados

Ribeira (A Coruña), 23 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, afirmou hoxe que “o sistema de coidados do futuro comeza no Barbanza”. Díxoo na firma dun convenio co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, para a cesión da parcela municipal na que a Xunta construirá a primeira residencia pública de maiores na que se aplicarán as innovacións do novo modelo residencial.

Fabiola García explicou que a Xunta investirá 10 millóns de euros neste novo equipamento, que contará con 100 prazas distribuídas en módulos de convivencia 25 residentes, con habitacións individuais e baños adaptados. Ademais, sinalou que o inmoble estará dotado de máis tecnoloxía para mellorar o benestar dos usuarios, como se fixo na residencia pública da Estrada.

Tamén salientou que contará con zona axardinada exterior, así como o seu privilexiado emprazamento: ao carón da praia de Coroso e do seu paseo marítimo, e preto do hospital comarcal do Barbanza.

Quilómetro cero

A conselleira asegurou que con este novo centro, Ribeira e a zona do Barbanza “serán o quilómetro cero do novo modelo residencial de Galicia”. Unha transformación nos coidados residenciais baseado, segundo explicou, en tres piares fundamentais: unha maior colaboración dos ámbitos social e sanitario, a incorporación da tecnoloxía ás residencias de maiores, e a introdución de melloras estruturais e arquitectónicas para que os centros sexan verdadeiros fogares.

Imaxes relacionadas