O Sergas publica a adxudicación definitiva do concurso de traslados aberto e permanente de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos

No ciclo correspondente a este ano, adxudicáronse un total de 861 destinos

A categoría con máis adxudicacións é enfermería, cun total de 365 prazas

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas pola que se resolve, con carácter definitivo, o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2021 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.
Este é o cuarto ciclo deste proceso, posto en marcha a finais do ano 2017 que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.
No proceso deste ano, ofertáronse un total de 6.121 destinos, resultando adxudicatarios de praza un total de 861 profesionais. Por niveis de titulación, adxudícanse 252 destinos de persoal licenciado sanitario, 395 de persoal diplomado sanitario, 89 de persoal sanitario de formación profesional e 125 de persoal de xestión e servizos.
A categoría con máis adxudicacións é enfermaría, cun total de 365 destinos adxudicados, seguida de médico de familia con 174, técnico en coidados auxiliares de enfermaría con 59 e persoal de servizos xerais, cun total de 57.
Un total de 51 profesionais proceden de fóra de Galicia, dos cales 12 corresponden á categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermaría e 11 a enfermería, e o 76,98% son mulleres.
Do total de profesionais que acadan destino neste concurso, o 99,42% obtén o destino seleccionado como a súa primeira opción.
Por áreas sanitarias, Vigo, A Coruña-Cee, e Santiago-Barbanza, son as que incorporarán o maior número de profesionais, cun total de 176, 169 e 143, respectivamente.
Do total de adxudicacións neste concurso de traslados, 668 teñen como destino o ámbito da atención primaria, 168 son para atención hospitalaria e 25 para entidades adscritas (061, ADOS, GALARIA, ...).

 

A resolución do concurso conleva cambios voluntarios de médico de familia e enfermeiros nos centros de saúde e PAC, polo que os usuarios terán cambiados os seus sanitarios de referencia nestes días.
Por tramos de idade, un total de 60 profesionais teñen menos de 40 anos, 538 teñen unha idade comprendida entre 40 e 55 anos, e 263 superan esta idade.
As listas coas puntuacións e, de ser o caso, os destinos definitivos asignados en cada unha das categorías, atópanse publicadas, a disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Os concursantes que obteñan praza neste proceso deberán cesar na que, de ser o caso, desempeñen, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique esta resolución. Por necesidades organizativas, e co obxecto de preservar o normal funcionamento das institucións sanitarias no proceso de incorporación dos profesionais como consecuencia da resolución do proceso, os profesionais que estean a prestar os seus servizos no Sistema Público de Saúde de Galicia cesarán o primeiro día hábil seguinte á publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
A toma de posesión do novo destino obtido debe efectuarse dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde, no prazo de sete días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Sergas, ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde. Estes prazos son os recollidos no artigo 30, apartado 2) do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Sergas, segundo a redacción efectuada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas.
Coa publicación da resolución definitiva e a incorporación dos profesionais aos destinos adxudicados, dáse por finalizado o ciclo anual de concurso de traslados do ano 2021 para o persoal estatutario do Sergas.

Imaxes relacionadas