Conde subliña que a cociña de vangarda atopa na Artesanía de Galicia un factor de diferenciación

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe na Cidade da Cultura ás xornadas profesionais Artesanía no Prato, que buscan establecer novas sinerxías coa restauración, a decoración ou a organización de eventos

As xornadas forman parte dun proxecto grazas ao cal máis de 40 obradoiros de Artesanía de Galicia traballan con cociñeiros galegos e nacionais, ademais de distribuidoras de utensilios de hostalería

Conde destaca que a innovación, a internacionalización e a formación son a mellor maneira de seguir apostando por un sector que é un verdadeiro polo de talento e empredemento
 

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe na súa visita ás III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato que a cociña de vangarda, na que o cliente busca unha experiencia única que vai máis alá da gastronomía, atopa na Artesanía de Galicia un factor de distinción e diferenciación. Tal e como remarcou o vicepresidente económico, isto, unido á excelencia dos produtos, permite gozar da mellor Galicia Calidade.

As III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, celebradas na Cidade da Cultura, son un espazo de colaboración e debate que consolida a artesanía como a presentación máis acaída para o mellor produto galego. No encontro, que remata este luns, 33 obradoiros da marca Artesanía de Galicia buscan novas oportunidades de comercialización, amosando os seus produtos e ofrecendo solucións a medida a profesionais da restauración, a decoración de interiores ou a organización de eventos.

Conde, que fixo fincapé en que a artesanía é un polo de talento e emprendemento, sinalou que 10 dos obradoiros participantes o fan nesta edición por primeira vez. Na actualidade están rexistrados 3299 artesáns e 749 obradoiros, xerando a artesanía máis de 7800 empregos na Comunidade.

Ademais, arredor da metade dos novos obradoiros que se rexistran en Galicia responden a un perfil de novos talentos. Tal e como apuntou o vicepresidente económico, a súa incorporación enriquece o tecido artesanal galego con novas competencias e disciplinas, formación, visións e modelos de negocio. Isto, unido ao saber facer dos artesáns galegos, permite que poidamos falar dun sector forte, variado e competitivo.

Proposta variada

As propostas que se presentan en Artesanía no Prato permiten apostar pola calidade da artesanía desde os cubertos, a vaixela e os manteis ata os uniformes ou a decoración. Así, están presentes 11 oficios artesáns que inclúen a cerámica, a cestería, o coiro, a madeira, a olería, o vidro, o téxtil, a escultura, a estampaxe, a xoiería e a forxa.

As xornadas, que inclúen demostracións de 10 recoñecidos chefs galegos que presentan as súas elaboracións en pezas de Artesanía de Galicia, forman parte dun proxecto máis amplo que botou a andar en 2013. A raíz desta iniciativa, máis de 40 obradoiros de Artesanía de Galicia están a traballar con cociñeiros galegos e nacionais, ademais de empresas distribuidoras de utensilios para hostalería. Este proxecto conta con recoñecemento tanto a nivel nacional como internacional, sendo distinguido como exemplo de boas prácticas no programa europeo Crafting Europe, a través do cal visitaron as xornadas expertos de Finlandia e Irlanda.

 

Imaxes relacionadas