'Camiño da innovación' chega esta semana á provincia de Ourense para trasladar as oportunidades de innovar ás pemes locais

Nos vindeiros días, a iniciativa fará parada nas localidades de Ribadavia, San Cibrao das Viñas, Xinzo de Limia e A Veiga, nas que ofrecerá asesoramento experto individualizado, formación a medida e casos de éxito de pequenas e medianas empresas innovadoras

Ata o de agora, realizáronse 130 asesoramentos, asistiron 320 persoas aos encontros con pemes innovadoras e expuxéronse 25 casos de éxito

Esta actuación enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes deseñado pola Axencia Galega de Innovación, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa a Innovación, e dotado con 12 millóns de euros para animar ás pequenas, medianas e microempresas a investir en innovación

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2021

A iniciativa Camiño da Innovación, posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), chega esta semana á provincia de Ourense para percorrer nos seguintes días as localidades de Ribadavia (martes 23), San Cibrao das Viñas (mércores 24), Xinzo de Limia (xoves 25) e A Veiga (luns 29). Trátase dun espazo itinerante que está a percorrer toda a Comunidade a través de 18 paradas nas catro provincias galegas durante os meses de novembro e decembro, co obxectivo de prestar asesoramento ás pequenas e medianas empresas e difundir entre elas a necesidade e a oportunidade de innovar, como factor clave para gañar competitividade e medrar.

Mañá martes, o tráiler deste programa pioneiro en Galicia estará dispoñible de 9,00 a 18,00 horas na rúa de San Lázaro en Ribadavia, fronte ao monumento á Constitución, para chegar ás pemes das comarcas do Ribeiro, O Carballiño, Terra de Celanova, A Paradanta e O Condado e o encontro con casos de éxito de pemes innovadoras será na Casa da Cultura ás 9,30 horas. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participará no acto, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a directora de Gain, Patricia Argerey.

O mércores, a iniciativa estará de 9,00 a 18,00 horas na Tecnópole, en San Cibrao das Viñas, e a conversa con empresas terá lugar ás 12,00 horas no salón de actos do Parque Tecnolóxico de Galicia. Ao día seguinte, o xoves 25, o tráiler estará en Xinzo da Limia para atender ás pemes das comarcas da Limia, A Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana, na Praza Carlos Casares de 9,00 a 18,00 horas e o encontro será na Casa da Cultura ás 11,30 horas.

Por último, o vindeiro luns, 29 de novembro, estará no Campo da Feira na Veiga para chegar ás pemes de Quiroga, Terra de Trives, Terra de Lemos e Valdeorras. Os interesados en participar en calquera dos actos deberán inscribirse previamente a través da páxina web de Gain.

Esta iniciativa enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotado con 12M€ para axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación. A través das distintas actuacións, tratarase de promover que as empresas que non innovan inicien a senda da competitividade baseada no coñecemento e, principalmente, tratarase de dinamizar aos tecidos empresariais dos núcleos non urbanos.

Experiencia de primeira man

En cada etapa de Camiño da Innovación ofrecerase asesoramento personalizado a pemes por parte de técnicos de Gain para analizar as oportunidades de innovar e como poñela en marcha. O obxectivo é atender máis de 200 consultas na xira, axudando a cada empresa a elaborar unha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

Ademais, celebrarase un encontro onde se presentarán exemplos de empresas innovadoras da contorna; en total, contarase con 54 casos de éxito que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa. Os asistentes terán tamén á súa disposición materiais explicativos das ferramentas e técnicas de innovación, que se irán incrementando con novos contidos durante 2022, así como un curso en liña sobre aspectos básicos da innovación.

En total, nas dez paradas realizadas ata o momento ofrecéronse 130 asesoramentos, asistiron 320 persoas aos encontros con pequenas e medianas empresas innovadoras e expuxéronse 25 casos de éxito.