O 061 de Galicia asistiu a 72 persoas por 58 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 19 de novembro ata as 23,59 horas do domingo, 21 de novembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 65 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 22 de novembro de 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 72 persoas debido a 58 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 19 de novembro, ata as 23,59 horas do domingo, 21 de novembro. O sábado foi o día no que se rexistraron máis sinistros, con 22 accidentes de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 65 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 58 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 72 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 65% e do 35% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 30% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 27 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 

Provincia
Accidentes
A Coruña
27
Lugo
7
Ourense
6
Pontevedra
18
Galicia
58

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 75. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en 11 accidentes, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 54 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en nove accidentes.

En 58 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 12 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e dúas persoas faleceron no punto.