Ángeles Vázquez comeza a súa viaxe a Copenhague cunha visita ao Centro Danés de Arquitectura, un referente europeo para a divulgación desta disciplina

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda subliña que Galicia e a capital danesa comparten o feito de gozar dun rico patrimonio arquitectónico e defende a necesidade de preservar este ben a través da futura Lei galega de arquitectura

Copenhague (Dinamarca), 21 de novembro de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta tarde nunha visita guiada ao Centro Danés de Arquitectura (DAC), en Copenhague, unha institución de referencia no país nórdico e en toda Europa, recoñecida polo seu traballo a prol da difusión dos coñecementos sobre a arquitectura, a construción e o desenvolvemento urbano.

Este foi o primeiro acto oficial da conselleira no marco da viaxe institucional —invitada xunto a un grupo de institucións pola Embaixada de Dinamarca— que desde hoxe e ata o vindeiro martes lle permitirá visitar diferentes zonas da cidade para coñecer de primeira man algúns dos proxectos e iniciativas máis relevantes impulsados polas administracións públicas danesas nos últimos anos en materia de eficiencia enerxética e a partir da aplicación de modelos construtivos sostibles.

Durante a súa visita ao DAC, Ángeles Vázquez resaltou a riqueza do patrimonio arquitectónico que atesoura Copenhague, unha característica, dixo, que comparte tamén Galicia. Por iso, considerou que institucións co prestixio e a relevancia deste centro desempeñan un labor fundamental á hora de dar a coñecer unha disciplina clave como é a arquitectura, lembrando que, por esta razón, a Xunta decidiu impulsar a primeira Lei de arquitectura de Galicia, actualmente en información pública e que definirá esta materia como un ben “de interese xeral”.

Así mesmo, a conselleira tamén tivo ocasión de percorrer no DAC unha exposición dedicada á construción circular, un concepto moi ligado ao cambio de modelo produtivo e de consumo que se quere implantar en Europa en substitución dun sistema baseado en producir, usar e tirar.

Imaxes relacionadas