A Xunta inicia as obras de reforzo da seguridade viaria na estrada AC-552 ao seu paso por Dumbría, no treito coincidente co Camiño de Fisterra

A actuación céntrase na execución dunha pasarela de madeira baixo o viaduto desta vía autonómica, no cruzamento do punto quilométrico 81+220, e na disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago

Esta intervención na AC-552 súmase ás outras 10 actuacións de mellora da seguridade viaria previstas en 6 estradas da Xunta coincidentes co Camiño de Fisterra ao seu paso polos concellos de Muxía, Mazaricos, Negreira, Ames, Fisterra, Cee e Corcubión

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou a execución das obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-552, ao seu paso polo concello de Dumbría, no treito coincidente co Camiño de Fisterra, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

A actuación desenvólvese no tramo desta ruta do Camiño de Santiago que cruza esta vía autonómica, á altura do punto quilométrico 81+220.

Os traballos en execución céntranse na construción dunha pasarela de madeira baixo o viaduto existente neste punto da AC-552 e contan cun investimento da Xunta de preto de 45.000 euros.

Trátase de actuacións deseñadas para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos. Estas intervencións inclúen a mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.

No marco destas intervencións, o departamento que dirixe Ethel Vázquez deseñou un total de 11 actuacións de mellora da seguridade viaria en 6 estradas da Xunta no Camiño de Fisterra ao seu paso polos concellos de Muxía, Mazaricos, Negreira, Ames, Fisterra, Cee e Corcubión, ademais desta en Dumbría, que suman un investimento conxunto de máis de 200.000 euros.

Estas obras están incluídas nas 70 actuacións que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.

A Xunta, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.

Imaxes relacionadas