Galicia formará parte do comité de selección de candidaturas para o Consello Estatal de Participación da Infancia e a Adolescencia

O órgano permanente e estable de consulta, representación e participación de nenas, nenos e adolescentes estará adscrito ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2021.- Galicia formará parte, xunto a Estremadura, do comité de selección de candidaturas para o Consello Estatal de Participación da Infancia e Adolescencia, un órgano permanente e estable de consulta, representación e participación de nenas, nenos e adolescentes estará adscrito ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

A elección da comunidade autónoma galega como membro deste comité representa unha oportunidade de participar en primeira persoa neste fito histórico para facer realidade o recoñecemento efectivo dos dereitos da infancia e a adolescencia e mellorar as políticas infantís ao escoitar directamente ás nenas, nenos e adolescentes sobre aqueles asuntos que lles afecten.

Na composición do Consello Estatal de Participación da Infancia e Adolescencia garantirase, non só a representación de nenos e nenas de todas as comunidades autónomas, senón a súa participación en condicións de igualdade e paridade para que ningunha barreira de xénero, orixe, etnia, económica, racial ou de calquera outra clase impida o acceso á participación dos máis vulnerables. Este órgano favorecerá, ademais, coa súa presenza a representatividade da diversidade e da pluralidade que existe no espazo da infancia e a adolescencia en España.

O obxectivo deste órgano é ofrecer a os nenos, nenas e adolescentes un foro no que expresar libremente as súas ideas e propor medidas, defender o recoñecemento social dos seus dereitos, formular propostas sobre temas que lles afectan a nivel estatal e converterse en voceiro e interlocutores de nenas, nenos e adolescentes ante as institucións públicas.

Unha prioridade nas políticas autonómicas

Para a Xunta de Galicia, os dereitos, inquedanzas e opinións das nenas, nenos e adolescentes é unha prioridade nas súas políticas sociais. Por iso, o Goberno galego está ultimando o decreto que regulará o Consello Galego de Participación infantil e Adolescente, que verá a luz nas vindeiras semanas e cuxo funcionamento foi consensuado coas principais entidades do sector.

A través deste órgano o Executivo autonómico busca conseguir máis cohesión e concienciación no conxunto da sociedade galega sobre a necesidade de protexer os dereitos da infancia e da adolescencia, para o que estará conformado polos participantes nas comisións locais que pertenzan ao programa Cidades Amigas da Infancia e buscará solucións para as diferentes dificultades ás que se enfronta a mocidade desde o consenso e a colaboración.