Os conselleiros de agricultura de ambas comunidades celebraron en Valladolid unha reunión de traballo centrada na situación deste ámbito produtivo

Galicia e Castela e León censuran a falla de compromiso do Goberno central co sector primario á hora de frear a venda a perdas

Ambas comunidades afearon o voto en contra no Senado á emenda presentada para incorporar na lei da cadea alimentaria a aplicación Conta Láctea como forma de acreditación do custo efectivo de produción de agricultores e gandeiros

Consideran que desta forma a lei quédase en “papel mollado” á hora de poñer freo, de xeito efectivo, ás prácticas de venda a perdas

José González explicou a Jesús Julio Carnero o funcionamento e as utilidades que ofrece a aplicación informática creada pola Xunta para determinar os custos de produción das explotacións lácteas

O encontro de traballo tamén serviu para intercambiar impresións e experiencias entre ambos gobernos autonómicos, todas elas relacionadas co apoio ao sector primario para mellorar o seu competitividade

Acordouse ademais que ambas consellerías formalizarán un grupo de traballo para intercambiar o modelo das aplicacións postas en marcha en ambas comunidades autónomas, avanzando así na profesionalización do sector
 

Valladolid, 20 de novembro de 2021

Galicia e Castela e León coinciden á hora de amosar a súa preocupación pola falla de compromiso do Goberno Central co sector primario en xeral e cos gandeiros en particular, unha actitude que se pon de manifesto coa súa escasa contundencia para frear a venda a perdas neste ámbito produtivo. Así o sinalaron os conselleiros do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, e de Agricultura, Gandaría e Desenvolvemento Rural do Goberno de Castela e León, Jesús Julio Carnero, nunha reunión de traballo celebrada en Valladolid que serviu para analizar a delicada situación do sector primario. Ambos coincidiron en lamentar que o Executivo Central non actúe con contundencia para defender os intereses dos agricultores e gandeiros, nun momento no que preocupa o incremento constante dos custos de produción no sector.

En concreto, os dous conselleiros censuraron a aprobación -este mércores no Senado- do proxecto de lei da cadea alimentaria cos votos a favor do grupo maioritario no Goberno, tras rexeitar, entre outras, a emenda presentada para incorporar nesta norma a aplicación Conta Láctea como forma de acreditación do custo efectivo de produción.

Desta forma, os gobernos de Galicia e Castela e León consideran que a lei quédase en “papel mollado” á hora de poñer freo, de xeito efectivo, ás prácticas de venda a perdas. Isto é así porque, ao non incorporar Conta Láctea – ou outra aplicación semellante – ao proxecto de lei, prívase aos gandeiros dun mecanismo que permita coñecer con exactitude os custos de produción e polo tanto manténselles como o elo máis vulnerable da cadea de valor, sen que poidan alcanzar unha marxe de beneficio, só perdas.

O encontro de traballo tamén serviu para intercambiar impresións e experiencias entre ambos gobernos autonómicos, todas elas relacionadas co apoio ao sector primario para mellorar a súa competitividade. E nel acordouse ademais que ambas consellerías formalizarán un grupo de traballo para intercambiar o modelo das aplicacións postas en marcha en ambas comunidades autónomas, avanzando así na profesionalización do sector.

No caso galego, as iniciativas a prol deste eido concrétanse por exemplo a través da Estratexia de dinamización do sector lácteo. Así, neste contexto hai que recordar que Galicia puxo en marcha a propia aplicación Conta Láctea, está facendo con moita forza a promoción do selo de calidade diferenciada para o leite Galega 100%, iniciou a tramitación do Observatorio lácteo, está desenvolvendo formación orientada á mellora das capacidades empresariais dos gandeiros e impulsando a regulación do leite de pastoreo. Precisamente, en relación con esta última medida, o conselleiro da Xunta lamentou as trabas e dificultades que tamén está poñendo o Goberno Central para a súa tramitación.

Conta Láctea

Neste encontro, José González explicou polo miúdo ao seu homólogo castelán leonés o funcionamento e as utilidades que ofrece a aplicación informática Conta Láctea. Así, trasladoulle que se trata dunha ferramenta creada polo Goberno galego – en colaboración coa Fundación Juana de Vega – que permite aos gandeiros calcular os seus investimentos e custos de produción, co fin de concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender. Este instrumento ten como principal obxectivo axudar os produtores de leite na negociación dos seus contratos coa industria.

Nesta mesma liña, o representante galego advertiu que a subida de diferentes partidas está repercutindo de forma moi negativa no incremento dos custos de produción para toda a actividade económica e, de xeito particular, para o sector primario, prexudicando especialmente aos gandeiros. Por iso, reiterou, é preciso actuar de inmediato reforzando o sector. Do mesmo xeito, González sinalou que xa en febreiro do ano pasado a Xunta solicitoulle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que actuase de acordo ás súas competencias para que a cadea de valor construíse o prezo do produto do sector primario a partir do custo de produción dos agricultores e gandeiros, evitando así a venda a perdas.

Ademais, tamén se lle pediu que realizase unha revisión da normativa, co fin de conseguir o obxectivo de que calquera produtor primario español obtivese un prezo polos seus produtos que cubrise o custo de produción máis a marxe de beneficio que se determine. Algo que, engadiu o conselleiro de Galicia, é cada vez máis urxente e necesario, para asegurar a viabilidade das explotacións agrarias. Unha cuestión que foi reiterada por carta ata en dúas ocasións, na última delas demandando unha reunión bilateral da que non se ten resposta.

Imaxes relacionadas