A conselleira de Política Social participou na inauguración do Congreso ‘Nuevos retos de los centros para una nueva vejez’ da Asociación de Centros de Día de Galicia

Fabiola García sinala que a Galicia do futuro necesita un sistema de coidados máis forte e sólido ca nunca

Lembrou que o reto demográfico e o envellecemento da poboación fan necesario que o sistema dos coidados teñan un papel protagonista

Sinalou que os centros de día son unha peza clave por ofrecer un envellecemento activo e coidados de proximidade por toda Galicia
 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que a Galicia do futuro necesita dun sistema de coidados máis forte e sólido ca nunca para atender ao crecente envellecemento da poboación e á situación demográfica. Así o manifestou durante a súa intervención esta mañá na inauguración do Congreso Nuevos retos de los centros para una nueva vejez, organizado pola Asociación de Centros de Día de Galicia.

Así mesmo, destacou que os centros de día son unha peza chave para permitir que as persoas maiores e con discapacidade de Galicia poidan decidir onde e como envellecer. En concreto, resaltou que permiten ofrecer un envellecemento activo, atención diúrna de calidade e atender ás preferencias dos maiores para vivir alí onde desexen sen por iso ver reducido o seu benestar.

Fabiola García apuntou que nunha sociedade tan envellecida como a galega é preciso darlle un papel protagonista ao sector dos coidados. Desta maneira, apostou por fomentar a innovación e a investigación para acadar melloras e avances na atención. Así mesmo, agradeceu á Asociación de Centros de Día de Galicia a súa preocupación por incentivar o debate e a reflexión a través deste congreso.

Mesa redonda

Durante este evento, o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, moderará unha mesa redonda co título Centros de día, atención primaria. ‘Una colaboración necesaria’. Nela participarán a coordinadora da Unidade de Psicoxeriatría de Vigo, Águeda Rojo, e o doutor en Xerontoloxía, José María Dios.

Imaxes relacionadas