A Xunta inicia os traballos para executar os dous búnkeres que albergarán o servizo de radioterapia do novo Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra

Trátase de habilitar o espazo para a instalación de dous aceleradores lineais de electróns para os tratamentos de radioterapia de pacientes oncolóxicos, tecnoloxía de última xeración que acada os máis altos estándares nestes tratamentos

Para a construción deste espazo empregaranse máis de 1.500 m3 de formigón de alta densidade e máis de 200.000 kg de aceiro

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2021

A Xunta inicia os traballos para executar os dous búnkeres que albergarán o servizo de radioterapia do novo Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra.

O novo edificio hospitalario do Gran Montecelo, cuxas obras se iniciaron o pasado mes de maio, acollerá un servizo de radioterapia no que se instalarán dous aceleradores lineais de electróns destinados a tratamentos de radioterapia para pacientes oncolóxicos, acadándose os máis altos estándares en radioterapia oncolóxica.

Para a habilitación deste espazo e a construción dos búnkeres empregaranse máis de 1.500 m3 de formigón de alta densidade e máis de 200.000 kg de aceiro entre outros materiais.

Estes búnkeres, que contan cun proxecto específico para a súa construción, están deseñados coas características e dimensións necesarias para que poidan albergar os equipos de última xeración que existen no mercado, o que permitirá incorporar as últimas tecnoloxías en tratamentos radioterápicos, como son a radioterapia de intensidade modulada volumétrica guiada pola imaxe e os tratamentos con alta taxa de dose (tecnoloxía flatenning filter free).

Estas tecnoloxías, que melloran a precisión dos tratamentos, permiten aumentar o control local das lesións tumorais e diminuír a toxicidade nos tecidos sans. En particular, as altas taxas de doses permiten realizar de maneira óptima os tratamentos de forma que o paciente recibe maior dose por sesión, o cal supón un aforro de días de tratamento para os pacientes. Tamén se ve beneficiada a reirradiación de pacientes previamente tratados ao reducirse a dose a tecidos sans.

Hospital Público Gran Montecelo

A Xunta segue avanzando nas obras do Hospital Público Gran Montecelo que se están a acometer desde o pasado mes de maio, e cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros.

As actuacións en marcha consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.

O novo edificio, que ocupará unha superficie superior os 12.500 metros cadrados, estará composto por un primeiro volume distribuído en dúas edificacións, que actuará como base dun segundo que albergará as áreas de hospitalización. O proxecto recolle a construción dunha zona de basamento distribuída en dous edificios de cinco andares.

Así, proxéctase un edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas que engloban os servizos de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro onde se ubicarán as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

No seu conxunto, a Xunta investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e os veciños da área dun hospital renovado e de referencia, o Hospital Público Gran Montecelo, xa que nunha segunda fase das obras reformarase o edificio hospitalario actual, para posteriormente executar o aparcadoiro cuberto, cun investimento de 25 millóns de euros.

A Xunta mantén a aposta por mellorar a atención hospitalaria, que actualmente se presta en tres centros diferentes e fisicamente separados e afastados: o Centro de Especialidades de Mollavao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo.

Coas obras de ampliación e reforma, o Gran Montecelo verá ampliada a súa capacidade para atender as necesidades asistenciais dunha poboación de 26 concellos e os seus máis de 300.000 habitantes, dos próximos 50 anos.

Imaxes relacionadas