A Xunta concede 5 M€ a preto de 800 comerciantes e obradoiros artesanais para impulsar a dixitalización e modernización dos seus negocios

Os apoios económicos da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa a Innovación diríxense ao desenvolvemento de máis de 2300 actuacións, entre as que se inclúen implantación e actualización de páxinas web, mellora da imaxe dixital, introdución de ferramentas de marketing 4.0 e loxística dixital

Enmárcanse nas liñas de axudas do Goberno galego que teñen como obxectivo que o sector comercial poida adaptarse aos novos hábitos de consumo como o comercio electrónico e a outras canles de comercialización como as redes sociais, o que se traduce nunha maior competitividade e aumento das vendas
 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas dirixidas a impulsar a estratexia dixital e a modernización do sector comercial e artesán da Comunidade. En concreto, concedéronse preto de 5 millóns de euros a un total de 773 comerciantes e obradoiros artesanais que mobilizarán 7,6M€.

Así, 695 comerciantes e 78 titulares de obradoiros artesanais porán en marcha 2329 actuacións que posibilitarán ofrecer unha experiencia de compra única aos seus clientes, adaptada ao novo consumidor dixitalizado e exixente.

As axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación contan con dúas liñas: unha destinada á dixitalización comercial e que suma 2188 actuacións, entre as que destacan a implantación dun xestor de redes socias (392), seguida da creación de páxinas web con venda en liña (363), a realización de publicidade en medios dixitais (314), así como a mellora da imaxe dixital (313). Tamén se concederon apoios para márketing 4.0, loxística dixital ou participación en feiras dixitais. A segunda liña, con 141 actuacións, está destinada á adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal como maquinaria e ferramentas que melloren o deseño e calidade do produto final.

Por provincias, A Coruña conta con 349 beneficiarios e unha axuda de preto de 2,3M€;
en Pontevedra chega a 217 comerciantes e obradoiros artesanais, con apoios que suman 1,4 millóns de euros; Lugo recibe 119 axudas por 640.000 euros e Ourense suma 88 beneficiarios e 660.000 euros.

Estas axudas enmárcanse nas medidas que a Xunta de Galicia está adoptando co obxectivo de que o sector comercial poida adaptarse aos novos hábitos de consumo, como o comercio electrónico, así como a outras canles de comercialización, como as redes sociais, o que se traduce nunha maior competitividade do sector e un aumento das súas vendas.

Neste sentido, e co obxectivo de seguir dinamizando o sector, a Xunta de Galicia activou outros 3,8 millóns de euros en programas destinados aos centros comerciais abertos e prazas de abastos, ao tícket de dinamización comercial, ao fomento da artesanía, así como á creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios do medio rural para potenciar as vendas dos nosos produtores máis aló do formato físico e o seu posicionamento no entorno dixital.

De xeito paralelo, o Goberno galego puxo en marcha este ano o Bono Activa Comercio, un proxecto de dinamización das vendas de proximidade que mobilizou un total de 25 millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas