A Xunta licita por máis de 450.000 euros as obras de construción do novo edificio de usos múltiples de Arenteiro, en Piñor

O prazo para a presentación de ofertas está aberto ata o 7 de decembro

O inmoble abranguerá unha superficie construída de 372 m2, distribuídos en dous andares

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia licita por máis de 450.000 euros as obras de construción do novo edificio de usos múltiples de Arenteiro, no concello de Piñor.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou esta semana a licitación na Plataforma de contratos públicos, cun prazo de presentación de ofertas aberto ata o martes 7 de decembro.

A actuación, cuxo prazo de execución é de 11 meses. trátase dun edificio, cunha superficie construída de 372 m2, destinado a usos múltiples para realizar tarefas sociais e deportivas. Habilitaranse dous andares, cunha planta baixa e unha planta primeira.

Tal e como se recolle no proxecto, o andar baixo está pensado para albergar unha das salas do edificio, os aseos, o cuarto de instalacións e o almacén; mentres que no primeiro andar, habilitarase unha sala de maiores dimensións con gradas retráctiles, almacén e unha solaina. A conexión vertical entre ambos andares resolverase coa instalación de ascensor e a construción dunha escaleira.

As carpinterías exteriores serán de aluminio con rotura de ponte térmico e dobre vidro con control solar, e a cuberta terá un armazón de madeira laminada, acabado de tella cerámica plana vermella. En canto ás carpinterías interiores, disporanse portas cegas dunha folla.

Esta actuación é unha mostra máis do compromiso da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda á hora de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que, como esta, contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

Neste sentido, a Consellería manterá esta liña de cooperación cos concellos en 2022, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Imaxes relacionadas