A Xunta acelera a implantación da Historia Clínica Electrónica (IANUS) nas residencias de maiores e xa chega a preto de 150 centros e ao 60% dos usuarios

A Historia Clínica Electrónica facilitará a xestión integral do proceso asistencial no ámbito sociosanitario ao mellorar a saúde e o benestar das persoas que viven nestes centros

A incorporación desta ferramenta enmárcase na modernización tecnolóxica dos centros residenciais de maiores e persoas con discapacidade
 

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia acelera a implantación da Historia Clínica Electrónica (IANUS) nas residencias de maiores e xa chega a preto de 150 centros e ao 60% dos usuarios totais. Xa se estableceu esta ferramenta en todas as residencias de titularidade pública autonómica que contan con persoal sanitario e estase a avanzar a súa posta en marcha naqueles centros privados que teñen este perfil ata superar os 300 que hai en Galicia.

A Historia Clínica Electrónica é o rexistro unificado e compartido de toda a información clínica procedente de actividades relacionadas coa saúde no ámbito da atención primaria e hospitalaria: consultas, intervencións cirúrxicas, probas diagnósticas ou prescricións de fármacos, entre outros. O IANUS, na súa nova versión, permite o rexistro da información por procesos asistenciais, e vai facilitar un novo modelo de coordinación e continuidade de coidados do paciente con condicións crónicas ou algún grao de dependencia ou discapacidade.

Esta novidade facilitará unha xestión integral do proceso asistencial para mellorar a saúde e o benestar das persoas que viven nas residencias. A incorporación desta ferramenta enmárcase na modernización tecnolóxica dos centros residenciais de maiores e persoas con discapacidade. A implantación das novas tecnoloxías neste ámbito son un dos eixos principais, xunto coa mellor coordinación entre os eidos sanitario e sociosanitario, a humanización e as melloras estruturais, do novo modelo de coidados no que a Xunta está a traballar xunto co Comité Asesor Sociosanitario.

O elevado grao de implantación do IANUS nas residencias de maiores reflicte os avances na coordinación levados a cabo entre as Consellerías de Política Social e Sanidade e a Amtega, que colocan a Galicia na vangarda nacional na implantación dunha historia clínica electrónica que abrangue tanto o ámbito hospitalario como a atención primaria e as residencias sociosanitarias.
 

Imaxes relacionadas