Luis López fai un chamamento aos 16.400 cidadáns sen vacinar da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés “para que se inmunicen canto antes”

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visita, acompañado do xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, o arranque do proceso da vacinación de reforzo para persoas de 70 a 79 anos na antiga Comandancia da Marina de Vilagarcía

O Sergas convocou a case 7.000 persoas desta franxa de idade da comarca arousana para recibir a terceira dose fronte á covid-19 nun proceso que se prolongará durante doce xornadas, ata o 30 de novembro, a unha media de 600 diarias

A área sanitaria ten un 94% de persoas vacinadas coa pauta completa, o que supón algo máis de 258.000 cidadáns
 

Vilagarcía de Arousa, 19 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, fixo esta mañá en Vilagarcía de Arousa un chamamento aos 16.400 cidadáns sen vacinar fronte á covid-19 da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés “para que se inmunicen canto antes para protexer a súa saúde, para ser solidarios coa sociedade, especialmente cos máis vulnerables a esta enfermidade, e para evitar os efectos máis graves desta patoloxía, o que contribuirá a evitar posibles colapsos no sistema sanitario público”.

O representante autonómico quixo animar a completar a vacinación “ata alcanzar o 100% da poboación diana, conformada polos 274.500 cidadáns maiores de 12 anos da área” na súa visita ao comezo do proceso de vacinación poboacional masiva de reforzo, coa inoculación da terceira dose, ás persoas de 70 a 79 anos no recinto habilitado pola Consellería de Sanidade na antiga Comandancia de Mariña de Vilagarcía.

Na súa visita estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, Begoña Mesego, directora da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, que é a entidade titular do inmoble, as concelleiras Tania García, Matilde Laya e Ana Granja e a deputada Elena Suárez.

“A poboación de Pontevedra e O Salnés actuou cunha responsabilidade encomiable, xa que ten un 94% de vacinación completa, o que supera a media galega, rebasa claramente a nacional e supón un dato espectacular en comparación coa maioría de países europeos, pero aínda temos algo máis de 16.000 persoas, especialmente do grupo de idade de 12 a 40 anos, ás que quero convocar para que se vacinen”, sinalou o delegado territorial, que explicou que poden contactar co Sergas en calquera momento para recibir a dose de protección de inmediato.

Polo demais, este novo proceso de vacinación masiva arrancou con absoluta normalidade e ten convocadas a case 7.000 persoas de 70 a 79 anos da comarca do Salnés na antiga Comandancia de Mariña durante as vindeiras doce xornadas, xa que se prolongará ata o 30 de novembro. Esta previsto que en Vilagarcía se subministren unhas 600 terceiras doses diarias de media, aínda que nesta primeira xornada comezouse cunha cifra un chisco máis elevada para tentar acelerar o proceso e citáronse unhas 650.

Neste momento, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta cun 94% de poboación diana coa pauta completa, o que supón algo máis de 258.000 cidadáns.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidade