Fabiola García aposta pola educación e a formación como camiño cara a plena inclusión da poboación xitana

O Goberno galego leva investidos 2 millóns de euros desde o ano 2009 nesta entidade para a posta en marcha de programas destinados á escolarización ou para o acceso a un emprego

Apostou por seguir impulsando iniciativas que rompan cos estereotipos e que permitan que os 13.000 xitanos de Galicia se sintan igual de galegos que os demais
 

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou esta mañá na clausura do XVII encontro institucional da Fundación Secretariado Gitano onde apostou pola educación e a formación como camiño cara á plena inclusión da poboación xitana. Lembrou que cada vez son máis as persoas que participan dos programas desta entidade dirixidos principalmente á escolarización e ao acceso ao emprego.

Fabiola García apuntou que a comunidade xitana creou ao longo dos últimos anos os seus propios referentes a través de persoas que pasaron de ser usuarios a cursar estudos universitarios ou conseguir traballos de alta responsabilidade. Así mesmo, destacou que aínda queda moito por facer para derrubar os estereotipos e permitir que as persoas xitanas non atopen eivas na busca de emprego, no acceso a unha vivenda ou a nivel educativo.

A conselleira fixo fincapé en que o Goberno galego seguirá colaborando coa Fundación Secretariado Gitano para que os 13.000 xitanos de Galicia se sintan igual de galegos que os demais. Neste sentido, afirmou que a Xunta leva investidos, desde o ano 2009, dous millóns de euros nesta entidade para a posta en marcha de programas que non deixan de demostrar que serven para seguir construíndo pontes entre dous pobos que “deben deixar de darse as costas”.
 

Imaxes relacionadas