A Xunta fomenta a colaboración da biotecnoloxía con outros sectores clave como o agroalimentario para aumentar a súa competitividade

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Santiago de Compostela na apertura do bioalmorzo ‘Creando marca a través da innovación’, organizado polo clúster Bioga co apoio do Goberno galego

Destacou a posta en marcha de diferentes actuacións por parte da Administración co ánimo de identificar industrias para sumar ao ecosistema biotecnolóxico galega 25 empresas tractoras que fagan uso desta tecnoloxía ou o impulso a proxectos de I+D+i a través de liñas de apoio como Conecta Hubs

A Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico prevé mobilizar 660M€ neste quinquenio co obxectivo de situar a Galicia como rexión de referencia a nivel internacional
 

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá na inauguración do bioalmorzo Creando marca a través da innovación, organizado en Santiago de Compostela polo Clúster das Ciencias da Vida (Bioga) co apoio da Xunta de Galicia. O obxectivo desta xornada consistiu en fomentar a colaboración entre o sector biotecnolóxico e o alimentario para impulsar a competitividade deste.

Na súa intervención, Patricia Argerey enmarcou este encontro nas actuacións do Goberno galego dirixidas a fomentar a hibridación da biotecnoloxía con outros sectores clave da economía galega co obxectivo de actuar como panca de innovación e mellorar así os seus resultados. Precisamente, no bioalmorzo presentáronse varios casos de éxito de sinerxías entre ambos sectores en empresas como Estrella Galicia, Pascual ou Komvida.

Entre estas actuacións postas en marcha pola Administración, a directora de Gain destacou a identificación de industrias obxectivo co fin de sumar ao ecosistema biotecnolóxico galego 25 empresas tractoras que fagan uso desta tecnoloxía ou o impulso a proxectos de I+D+i de alto impacto que fomenten esta hibridación sectorial a través de liñas de apoio como Conecta Hubs.

Neste contexto e facendo referencia ás conclusións da Comisión Europea, apuntou que a biotecnoloxía é unha das tecnoloxías facilitadoras esenciais de aplicación industrial con maior potencial.

Así, indicou que este factor supón unha oportunidade para Galicia para dar un salto en termos de competitividade nos sectores estratéxicos como o agroalimentario, e situarse como referencia en ámbitos tan importantes como o envellecemento activo –grazas ao desenvolvemento de solucións innovadoras en materia de alimentación funcional, ou descubrimento de fármacos, entre outras posibilidades– ou a sustentabilidade.

Este potencial da biotecnoloxía é o que xustifica a renovada aposta da Xunta de Galicia polo sector a través da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico galego
2021-2025, que mobilizará 660 millóns de euros neste quinquenio, e ten como uns dos seus subsectores prioritarios de actuación a alimentación funcional e nutracéutica para a saúde e o envellecemento activo e a produción e aproveitamento agrogandeiro e forestal.