O conselleiro de Sanidade destaca a continuidade de todos os contratos de emerxencia covid

Así o puxo de manifesto, Julio García Comesaña, na súa visita ao centro de vacinación masiva de Pontevedra

Pontevedra, 19 de novembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na súa visita ao centro de vacinación masiva de Pontevedra, con motivo da reapertura deste tipo de instalacións en todas as áreas sanitarias para poñer a dose de reforzo da covid, o acordo ao que chegou onte o Goberno galego para a continuidade dos contratos de emerxencia sanitaria vencellados á xestión da pandemia.
As medidas acordadas supoñen en total a continuidade de 738 profesionais, para dispoñer, en todo momento, dos recursos humanos suficientes para dar a axeitada resposta asistencial ante novos contaxios, garantindo deste xeito a maior e máis eficaz protección posible da cidadanía galega.
A poboación chamada a vacinarse nos recintos masivos que hoxe procederon á súa reapertura é a de 70 a 79 anos, e posteriormente citarase aos do reforzo de Janssen.
A citación realízase por SMS, salvo determinados colectivos, como é o caso dos mariñeiros, que poden acudir sen cita.
O titular da carteira sanitaria, que estivo acompañado na súa visita á cidade do Lérez pola xefa territorial de Sanidade e polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, volveu facer un chamamento para que, aquelas persoas que aínda están sen vacinar, o fagan, poñéndolles a Xunta á súa disposición todas as facilidades posibles. Tamén animou ao colectivo de mariñeiros para que acudan a vacinarse.
Na súa intervención, agradeceu ás áreas sanitarias o esforzo na realización dos cribados.
Os centros de vacinación masiva están instalados nos seguintes emprazamentos:
Área sanitaria da Coruña e Cee
*IFECO.
*Hospital de OZA.
*Hospital de Cee.

Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte
*HULA.
*Monforte- Anexo ao IES Río Cabe.
*Hospital da Mariña.

Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco
*Expo Ourense.
*CHUO.
*Hospital do Barco.
*Hospital de Verín.

Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
*Edificio Xunta Campolongo.Pontevedra.
*Comandancia de Mariña. Vilagarcía de Arousa.

Área sanitaria de Santiago e Barbanza
*Cidade da Cultura. Santiago.
*Hospital de Barbanza. Ribeira.

Área sanitaria de Ferrol
*FIMO – Ferrol.

Área sanitaria de Vigo
IFEVI.

Imaxes relacionadas