A Xunta celebra o 25 aniversario do programa Emega de emprendemento feminino co que se apoiará este ano a creación de 234 negocios e o emprego de 512 mulleres

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participou hoxe por vídeo no acto de conmemoración desta iniciativa autonómica, que contará en 2022, tras un aumento do 20%, cun orzamento de 4,2 millóns, a partida máis elevada da súa historia

Núñez Feijóo destaca o “éxito e fortalecemento” do Emega e a importancia de contar con liderado feminino para facer fronte á etapa de recuperación económica

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, enxalzou no acto que se celebrou na Coruña o papel da muller galega e o seu “afán e tenacidade” para acadar avances e seguir camiñando cara á igualdade de oportunidades

Gaicia é a comunidade autónoma con maior peso do emprego autónomo feminino a nivel estatal e sitúase á cabeza, só superada por Cataluña, na taxa de emprendemento feminino
 

A Coruña, 19 de novembro de 2021

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participou hoxe por vídeo na celebración do XXV aniversario do programa Emega de emprendemento feminino, unha iniciativa autonómica que só na convocatoria deste ano permitirá a posta en marcha de 234 novos proxectos e a consolidación de 512 empregos, segundo se recolle na resolución destas axudas para 2021, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Núñez Feijóo destacou que un cuarto de século é unha cifra “ben significativa” porque reflicte a “insistencia e consistencia” das accións do Goberno galego para fomentar o emprendemento feminino.


Para o presidente da Xunta, “o éxito, a continuidade e o fortalecemento” deste programa no tempo demostra que un dos piares “irrenunciables” sobre os que se asenta a actuación da Xunta é a procura da igualdade de oportunidades entre os galegos e galegas. O programa Emega, en palabras de Núñez Feijóo, erixiuse como “punta de lanza” da promoción da igualdade no eido laboral e sinalou que o apoio do Goberno galego a estas iniciativas susténtase en que “sempre cremos no liderado, talento, capacidade resolutiva das mulleres para saír adiante e procurar oportunidades como demostrades ao longo da historia, e recentemente nos tempos máis duros da pandemia”.

Neste senso, o presidente galego sinalou que os primeiros estudos que están a saír sobre a covid-19 reflicten que as mulleres emprendedoras foron dos colectivos que máis apostaron pola tecnoloxía e a dixitalización; e que o emprendemento feminino está converténdose nun dos motores e “mellores aliados” da reactivación da economía. “Nesta resilencia e capacidade de sacar o máximo proveito dos vosos proxectos emprendedores nunca os atoparedes soas”, subliñou. Así, Núñez Feijóo lembrou que en 2021, para apoiar o emprendemento feminino, a Xunta incrementou nun 54% o orzamento do programa Emega ata chegar aos 3,2 millóns de euros. Aumentáronse todos os incentivos en 2.000 euros, polo que as contías para as mulleres beneficiarias desta última convocatoria oscilan entre os 8.000 e 42.000 euros, segundo os postos de traballo xerados. Só nos últimos doce anos (2009-2021), a Xunta investiu neste programa máis de 14 millóns de euros para apoiar 1.134 iniciativas empresariais femininas, permitindo consolidar 2.113 postos de traballo femininos.

O presidente, ademais, avanzou que a Xunta vén de reforzar para 2022 a dotación orzamentaria desta inicaitiva, que alcanzará, tras un incremento do 20%, os 4,2 millóns de euros, o importe máis alto de toda a súa historia.

Para Núñez Feijóo, Galicia está contribuíndo coas súas políticas públicas a “afianzar o emprendemento feminino”, xa que conta cunha taxa de emprendemento feminino do 6,8% fronte ao 3,7% masculino, o que sitúa a Galicia á cabeza do resto das comunidades, só superada por Cataluña. O presidente tamén se referiu a que Galicia é a comunidade autónoma con maior peso do emprego autónomo feminino a nivel estatal. Para rematar, destacou que a celebración do 25 aniversario do Emega avala “con firmeza” a importancia de contar con liderado feminino para facer fronte aos importantes retos na nova etapa post-pandemia de recuperación económica. “Coas mulleres galegas emprendedoras e comprometidas este camiño para Galicia será moito máis transitable”, concluíu.

Mulleres “valentes e decididas”

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pola súa banda, enxalzou no acto, que tivo lugar na Coruña, o papel da muller ao longo das últimas décadas destacando o “afán e a tenacidade” da muller galega por acadar avances que facilitaron o camiño ás novas xeracións. A titular de Emprego e Igualdade apuntou que a aposta polo emprendemento é o camiño que as administracións públicas teñen que seguir para construír “unha economía transformadora, cooperativa e fornecida en valores como a igualdade de oportunidades”. “Impulsamos Emega para ofrecer máis posibilidades ás mulleres galegas valentes e decididas”, engadiu.

A Xunta, ademais, para seguir loitando pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, reforzará de cara ao próximo ano os programas de conciliación aos que destinará só a través da Consellería de Emprego e Igualdade 16 millóns de euros. Porase en marcha, ademais, o novo Plan Emprega Muller que dotado con 33,4 millóns está dirixido a mellorar a cualificación profesional e a incentivar a incorporación do colectivo feminino ao mercado laboral. Este Plan incluirá, entre outros, o programa Emega.
Cadro resumo da convocatoria do programa Emega 2021, hoxe publicada no DOG:

 

Emega 2021
Provincia
Emprendedoras beneficiarias
Importe total
Nº empregos consolidados
A Coruña
77
1.016.000
164
Lugo
43
653.000
102
Ourense
32
447.000
72
Pontevedra
82
1.146.000
174
Galicia
234
3.262.000
512

Imaxes relacionadas