Galicia sitúase como a terceira comunidade en percepción de oportunidades para emprender

O director do Igape, Fernando Guldrís, participa en Lugo no acto de presentación do Informe GEM, que destaca tamén que a taxa de actividade emprendedora das mulleres é do 56,5%, fronte ao 43,5% no caso dos homes

Resalta que programas como o Galicia Emprende e o Galicia Rural Emprende permitiron apoiar, nos últimos catro anos, máis de 350 proxectos emprendedores mobilizando máis de 35 millóns

Lugo, 19 de novembro de 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Lugo na presentación do novo Informe GEM sobre emprendemento, destacando as posibilidades que ofrece este estudo para definir criterios e avanzar no impulso do emprendemento.

“Un ano máis este informe GEM Galicia achéganos información de alta calidade sobre a iniciativa emprendedora. Un documento que fala dese desexo emprendedor e deses riscos, e que deixa á nosa terra en bo lugar”, avanzou o director do Igape, indicando que como determina o propio informe, Galicia ocupa o terceiro lugar no conxunto do Estado na percepción de oportunidades para emprender, e a cuarta posición máis favorable no relativo ao medo ao fracaso.

Guldrís puxo en valor tamén o emprendemento feminino na Comunidade xa que, a diferenza do que ocorre en España, en Galicia as iniciativas emprendedoras das mulleres superaron ás dos homes en todas as etapas: “A Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) representa un valor de 56,5% para as mulleres fronte ao 43,5% no caso dos homes”.

Neste contexto, o director do Igape valorou tamén o traballo que vén desenvolvendo o Goberno galego para facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais. Así, apuntou, programas como o Galicia Emprende e o Galicia Rural Emprende permitiron apoiar, nos últimos catro anos, máis de 350 proxectos emprendedores mobilizando máis de 35 millóns.

Así mesmo, proseguiu, os Espazos Coworking, que comezarán en próximas datas unha nova edición, suman desde a súa posta en marcha en 2016 preto dun milleiro de participantes, contribuíndo á creación de máis de 380 empresas. Un traballo ao que suma a rede de business factories, que no mesmo período recibiu máis de 760 proxectos que deron lugar á creación de máis de 70 empresas.

“Temos claro que o camiño do emprendemento non é fácil nin está exento de problemas. Pero o noso desexo é acompañarvos en cada un deses pasos, fomentando a vosa vocación emprendedora; apoiando os primeiros pasos das distintas iniciativas que enchen a nosa terra; medrando coa vosa empresa; e, quen sabe, abrindo novos horizontes alén do mundo”, concluíu Guldrís.

Imaxes relacionadas