Trenor supervisou as obras de mellora que se están executando na Oficina Agraria Comarcal de Cambre cun investimento de case 50.000€

O delegado da Xunta recalcou que as referidas actuacións enmárcanse no Plan integral de reestruturación e optimización das oficinas agrarias comarcais

Os obxectivos fundamentais destes traballos son dar unha resposta óptima ás demandas actuais da poboación rural e mellorar as condicións laborais das persoas que desenvolven as súas tarefas nas ditas oficinas

Cambre (A Coruña), 19 de novembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Cambre, Oscar García, visitaron a Oficina Agraria Comarcal de Cambre na que se está levando a cabo unha actuación de mellora integral que conta cun orzamento próximo aos 50.000 euros.
Entre as actuacións que se están levando a cabo destacan a pintura de paredes e teitos, o cambio de iluminación, a substitución e a reparación da carpintería interior. Ademais, estase executando a mellora do acondicionamento térmico, e do trasdosado interior, melloras no arquivo e a substitución da carpintería exterior.

O proxecto tamén contempla a reorganización da zona administrativa para ofrecer unha mellor atención ao público, a renovación do aseo de veterinarios e a impermeabilización e ventilación do arquivo.

Plan integral de reestruturación e optimización das oficinas agrarias comarcais

O delegado da Xunta recalcou que as referidas actuacións enmárcanse no Plan integral de reestruturación e optimización das oficinas agrarias comarcais iniciado pola Xunta, que inclúe tanto actuacións de optimización de tipo organizativo e funcional, como de mellora das infraestruturas e da dotación das oficinas.

Os obxectivos fundamentais das diferentes actuacións deste plan son, por unha parte, dar unha resposta óptima ás demandas actuais da poboación rural en relación aos servizos públicos e, ao mesmo tempo, mellorar as condicións laborais das persoas empregadas públicas que desenvolven as súas tarefas nas ditas oficinas, o que repercute positivamente na relación entre a Xunta de Galicia e o sector primario.

Imaxes relacionadas