A Xunta investiu 103.000 euros na mellora do firme do Cruzamento do Santo, en Vilalba

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego vén de renovar o pavimento e a sinalización horizontal para reforzar a seguridade na zona

Actuouse nos catro ramais desta intersección na que conflúen as estradas autonómicas LU-120, LU-111 E LU-121

Vilalba (Lugo), 19 de novembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de investir 103.000 euros nas obras de mellora do firme do cruzamento do Santo, en Vilalba, no que conflúe a travesía da LU-120 con outras dúas estradas autonómicas: a LU-111 cara Cospeito e a LU-121 en dirección Moncelos (Abadín).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto con persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), visitou a zona para comprobar o resultado dos traballos, que incluíron a realización de fresados e a posterior reposición do pavimento con mestura bituminosa en quente nos catro ramais da intersección.

Tamén se renovou a sinalización horizontal co fin de que as marcas viarias sexan máis visibles para os condutores e pintouse a barreira de formigón que separa a estrada das beirarrúas.

Arias lembrou que o Goberno galego levou a cabo nos últimos anos diversas actuacións para mellorar a seguridade do tráfico nesta área. Como traballos máis salientables, ademais de rehabilitar o firme construíronse pasos de peóns elevados para reducir a velocidade dos vehículos.

As obras foron financiadas con cargo ao contrato de conservación ordinaria das estradas da zona Norte. “Garantir unhas conexións viarias seguras e cómodas en todo o territorio é unha das prioridades da Xunta”, garantiu Arias, quen subliñou que os orzamentos do departamento de Infraestruturas para o vindeiro ano recollen máis de 10,5 M€ na provincia de Lugo para actuacións de conservación, vialidade invernal, mellora de firmes ou supresión de tramos de concentración de accidentes.

Imaxes relacionadas