A Xunta salienta na Coruña a importancia de impulsar fórmulas alternativas de financiamento para apoiar as empresas na súa recuperación e transformación

O director do Igape, Fernando Guldrís, e o director de XesGalicia, Rubén Aguión, participaron na Xornada ‘Financiación Alternativa’ no Club Nordés

Guldrís destaca o papel do financiamento nas contas do Igape do ano que vén, con 120 millóns que permitirán mobilizar ata 300 millóns de euros en préstamos

A Coruña, 18 de novembro de 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, acompañado do director de XesGalicia, Rubén Aguión, participou esta tarde na xornada Financiación Alternativa organizada en Nordés Club Empresarial, onde puxo en valor a importancia de impulsar fórmulas alternativas de financiamento para apoiar ás empresas galegas na súa recuperación e transformación.

O director do Igape sinalou que as contas deste organismo teñen entre os seus obxectivos facer fronte ás consecuencias económicas da pandemia e seguir adiante coa transformación e modernización industrial e empresarial de Galicia, apostando por un modelo con capacidade para afrontar as dificultades pero tamén para identificar e aproveitar novas oportunidades.

Un escenario no que Guldrís salientou a aposta polo financiamento nas contas do Igape do ano que vén, nas que se inclúen 120 millóns neste eido que permitirán mobilizar ata 300 millóns de euros en préstamos.

Neste sentido, o director do Igape lembrou que, como principal novidade, dos 18 millóns para préstamos para investimentos estratéxicos, incorpórase unha parte non reembolsable que poderá acadar ata 4 millóns, polo que ese diñeiro que deixa de reingresar a Administración se converte en axudas directas para as pemes.

Así mesmo, e dentro das liñas de actuación da área de financiamento, Guldrís destacou o programa Galicia Inviste, co que se apoian os investimentos produtivos das pemes galegas na procura de ampliar a capacidade de produción e promover a diversificación dos procesos produtivos das compañías, e que superará os 16 millóns o próximo exercicio, o que supón un incremento do 35%.

Pola súa banda, o director de XesGalicia, Rubén Aguión -dependente, ao igual que o Igape, da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación- avanzou que a sociedade xestora terá no 2022 unha capacidade financeira de ata 100 millóns de euros para apoiar o crecemento do tecido empresarial galego.

Para acadar este obxectivo, explicou, XesGalicia dispón dunha serie de instrumentos financeiros entre os que destaca unha nova liña de 30 millóns destinada a promover a transformación e modernización das empresas galegas que impulsará proxectos de internacionalización e optimización da competitividade empresarial.

Imaxes relacionadas