Luis López garante o “máximo apoio” da Xunta a Protección Civil de Vilagarcía para a súa atención cidadá

O delegado territorial en Pontevedra visita a sede da agrupación para coñecer o seu funcionamento e necesidades e mantén un encontro con algúns dos seus 35 integrantes, aos que agradeceu o seu “traballo altruísta e desinteresado a prol da sociedade”

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior fixo achegas por case 150.000€ para os seus gastos de funcionamento e adquisición de material, como un vehículo pick-up, dúas embarcacións de diferente tipoloxía, terminais Tetra, un remolque, baúl de salvamento, unha carpa e un traxe para a erradicación de niños de vespa velutina

Vilagarcía de Arousa, 18 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, garantíu o “máximo apoio” da Xunta de Galicia á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilagarcía de Arousa para seguir impulsando os seus servizos de atención cidadá e xestión das emerxencias.
O representante autonómico acudíu esta tarde á sede da entidade, acompañado do xefe provincial de Emerxencias, Miguel Ángel Pérez Dubois, da deputada Elena Suárez e dos concelleiros José María González e Lino Mouriño, para coñecer o seu funcionamento e necesidades e manter un encontro con algúns dos seus 35 integrantes.
“Esta agrupación traballa de xeito exemplar para dar cobertura aos case 40.000 cidadáns de Vilagarcía e a todo o seu territorio que, ademais de amplo, é variado pola dicotomía entre o mar e a súa zona rural. Ademais, ten unha evolución e unha traxectoria que a converteron nunha das agrupacións máis destacadas da provincia grazas ao esforzo, profesionalidade e adicación dos seus compoñentes e ao apoio da Xunta de Galicia”, detallou Luis López, que agradeceu aos voluntarios o seu “inxente traballo altruísta e desinteresado a prol da sociedade”.
Protección Civil de Vilagarcía de Arousa recibíu, ao longo dos últimos anos, preto de 150.000 euros da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para os seus gastos de funcionamento e para a adquisición de material, como un vehículo pick-up, dúas embarcacións de diferente tipoloxía e tamaño, terminais Tetra, un remolque, un baúl de salvamento, unha carpa e un traxe para a erradicación de niños de vespa velutina.
 

Imaxes relacionadas