O Sergas acorda coas organizacións sindicais a continuidade de 738 contratos para garantir unha axeitada resposta asistencial na loita contra a covid

A Xunta prorrogará por 3 meses 623 os contratos que ían finalizar entre o 30 de novembro e o 31 de decembro deste ano

Ademais, tamén se prorrogan por seis meses máis, un total de 115 contratos de persoal de enfermaría

Sanidade renova nas sete áreas sanitarias todos os contratos de emerxencia sanitaria vencellados á xestión da pandemia

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021

A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Ana Comesaña Álvarez, presidiu está mañá senllas reunións de seguimento dos acordos sindicais relativos ao Plan de continxencia en materia de recursos humanos derivados da covid-19 e ao nomeamento de persoal estatutario eventual de continuidade, nas que se acordou a continuidade de 738 contratos, co ánimo de garantir unha axeitada resposta asistencial na loita contra a covid-19.
Nestas xuntanzas, analizouse a posibilidade de ampliar a duración dos contratos de reforzo dos dispositivos asistenciais relacionados coa covid-19, atendendo as circunstancias actuais. Así, moitos destes contratos tiñan previsto o seu remate antes de finalizar o ano, estaban vinculados á situación de emerxencia sanitaria. Sanidade renovará, nas sete áreas sanitarias, todos os contratos de emerxencia sanitaria vencellados á xestión da pandemia.
No caso do acordo vencellado ao Plan de continxencia, o acordo acadouse entre o Sergas e as organización sindicais (CCOO, CSIF e SATSE) e, no que atinxe aos nomeamentos de continuidade, cos sindicatos (CESM-OMEGA, UGT, CSIF e SATSE)
Aínda que o pasado 21 de outubro se declarou a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, o certo é que as necesidades sanitarias actuais seguen a demandar a continuidade das medidas de contratación emprendidas para reforzar as unidades e dispositivos asistenciais máis vencellados á prevención, protección e seguimento da poboación galega contra o coronavirus (centros de vacinación, circuítos dos servizos de urxencias e UCI, dispositivos de realización de probas e cribado, covid-auto, etc...), así como a cobertura de ausencias de persoal.
En consecuencia, o departamento sanitario da Xunta de Galicia e as organizacións asinantes dos respectivos pactos sindicais acordaron por unanimidade prorrogar por 3 meses máis 623 os contratos fóra de cadro de persoal por emerxencia sanitaria que ían finalizar entre o 30 de novembro e o 31 de decembro deste ano.
En concreto, estes contratos abranguerán no eido do persoal sanitario a 488 profesionais: 284 da categoría de enfermaría, 5 de enfermaría especialista en enfermaría familiar e comunitaria, 55 de persoal técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, 9 de persoal técnico superior en imaxe para o diagnóstico e 135 de persoal técnico en coidados auxiliares de enfermaría.
Ademais, no referido a persoal non sanitario, o acordo beneficia a 135 traballadores das categorías de técnico superior en prevención de riscos laborais (4), celador (55), auxiliar da función administrativa (56) e persoal de servizos xerais (20).

115 contratos de enfermaría prorrogados seis meses

Por outra banda, o segundo dos acordos acadados esta mañá, prorrogará por 6 meses máis os contratos de continuidade realizados na categoría de persoal de enfermaría e que traen causa nos acordos da comisión de seguimento do 30 de outubro de 2020 (DOG do 30 de novembro), por mor asemade da crise sanitaria. Neste senso, renóvanse un total de 115 nomeamentos de enfermaría, que tiñan prevista unha duración inicial de 12 meses e que remataban a finais do presente ano.
As medidas acordadas supoñen en total a continuidade de 738 profesionais, co obxectivo de dispoñer en todo momento dos recursos humanos suficientes para dar a axeitada resposta asistencial ante novos contaxios, garantindo deste xeito a maior e máis eficaz protección posible da cidadanía galega.