A Xunta promove a formación especializada dos procuradores vigueses en asistencia ás vítimas da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou en Vigo nnha sesión formativa sobre violencia de xénero organizada polo Colexio de Procuradores

A iniciativa enmárcase na colaboración que a Xunta mantén con este colectivo profesional para que reciban formación especializada e específica para garantir a mellor resposta asistencial ás mulleres e menores vítimas da violencia de xénero

A Xunta destina este ano 40.000 euros no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para que os profesionais da procuradoría participen en seminarios, xornadas, cursos e conferencias
 

Vigo, 18 de novembro de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nunha xornada de formación especializada do Colexio de Procuradores de Vigo sobre a atención a mulleres e menores vítimas no ámbito xudicial.
López Abella destacou a importancia da colaboración entre o Goberno galego e o Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais, para reforzar a asistencia xurídica ás mulleres vítimas da violencia de xénero, no que se enmarca a actividade de hoxe. Esta cooperación, que no ano 2021 conta cunha asignación económica de 40.000 euros por parte da Xunta, permite ampliar a formación especializada en violencia de xénero do e das profesionais da procuradoría para “garantir a mellor resposta asistencial ás vítimas”, remarcou.
Os cursos, seminarios, xornadas, conferencias e coloquios que están a organizar os colexios de procuradores poñen o foco na atención específica a mulleres e menores vítimas da violencia de xénero e sexual.
A procuradoría é parte fundamental no “reforzo” da asistencia xurídica ás vitimas, destacou a secretaria xeral da Igualdade, quen engadiu que “a procura é unha solución engadida para reequilibrar a situación complicada de vulnerabilidade e desigualdade” que sofren estas mulleres.
Como representantes técnicos nos xulgados, os procuradores e procuradoras poden contribuír a palíar a “doble revictimización” ao que pode ser sometida a muller no proceso xudicial, insistiu López Abella. “É necesario que se amplíe a formación especializada a todos os profesionais implicados para evitar a denominada victimización secundaria, o medo a non ser creída e, polo tanto, a retirar a denuncia e volver co agresor”, dixo a secretaria xeral.
As mulleres vítimas da violencia de xénero teñen dereito en Galicia á asistencia xurídica gratuíta, con independencia dos seus recursos económicos. As oficinas de atención á cidadanía e ás vítimas, situadas nos xulgados das sete cidades galegas, ofrecen información e asesoramento e apoio emocional en situacións de crise.
Todos estes apoios vense complementados polas medidas que a Xunta ten artelladas para a atención psicolóxica e social, con quendas de garda á dispor das forzas e corpos de seguridade e do ámbito xudicial que se poden activar en casos de urxencia, desde o momento de se presentar a denuncia.

Imaxes relacionadas