O Centro Ramón Piñeiro celebra o 25 aniversario do seu Corpus Documental sobre a Galicia medieval

O ‘Corpus Documentale Latinum Gallicae’ foi un dos primeiros proxectos impulsados por esta entidade co obxectivo de reunir a información en lingua latina sobre este tema nunha soa plataforma web

O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto de apertura destas xornadas que terán lugar hoxe e mañá no compostelán Pazo de San Roque

As sesións reunirán aos representantes dos distintos equipos españois dedicados á lexicografía medieval e tamén ao grupo portugués

Santiago, 18 de novembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na apertura do coloquio internacional Os Corpora Docvumentalia Latina da Península Ibérica no 25 aniversario de CODOLGA, onde estivo acompañado por Manuel González González, coordinador do Centro Ramón Piñeiro para e Investigación en Humanidades, e por José Carracedo Fraga, director do Corpus Documentale Latinum Gallaeciae. Unha xuntanza científica que reunirá hoxe e mañá os membros da rede colaborativa Corpus Documentale Latinum tanto de España como de Portugal para estudar o futuro dos proxectos comúns e as posibilidades técnicas a afrontar.

Neste marco, o representante da Xunta de Galicia fixo fincapé nos esforzos do grupo de investigadores deste proxecto en Galicia “por establecer pontes con outros investigadores do ámbito ibérico e por poñer a disposición de tantos estudosos un corpus que é fundamental para comprendermos a Galicia medieval”.

Durante o coloquio, os diferentes equipos españois dedicados á lexicografía latina medieval en Galicia, Cataluña, Castela e León e Comunidade Valenciana, ademais do grupo luso, intercambian relatorios, experiencias e propostas sobre os seus respectivos traballos. O grupo galego aproveita tamén para presentar a nova faciana do seu portal web co gallo dos seus primeiros 25 anos de vida.

Importante caudal documental

Capitaneado por Eduardo López Pereira, o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae naceu como un proxecto do Centro Ramón Piñeiro en 1994, pero hai 25 anos que chegou á rede por primeira vez con 8.000 documentos editados para o aproveitamento da comunidade científica, tanto do ámbito da lexicografía e da gramática como da historia e da socioloxía, a través da documentación latina medieval relacionada coa Gallaecia dos séculos VI ata o XV, ambos inclusive.

Desde entón, este importante caudal documental posto a disposición das persoas interesadas na lingua, a cultura e a historia de Galicia foise enriquecendo anualmente coa incorporación paulatina de novos documentos aos que acceder a través do seu portal, que presenta desde agora un aspecto renovado. Amais, no marco do convenio existente entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Ramón Piñeiro, o proxecto está a traballar nunha nova versión da súa base de datos.

Corpus Documentale Latinum Gallaeciae forma parte tamén da rede colaborativa CODOLHisp, outra plataforma en liña de acceso común a catro bases de datos léxicas de latín medieval hispánico.

Imaxes relacionadas