Luis López salienta o "forte compromiso" da Xunta co emprendemento feminino na súa visita á cooperativa "Dalle que Dalle" en Vilagarcía

O delegado territorial coñece o proxecto Woman Code deste espazo de coworking, financiado polo Plan Emega da Consellería de Emprego e Igualdade con 10.000€, con motivo do Día Internacional da Muller Emprendedora

“As axudas empresariais para as mulleres son fundamentais, pero collen aínda máis valor nun proxecto coma este, xa que, ademais de xerar emprego, aposta pola sustentabilidade, a innovación, a conciliación e as novas tecnoloxías”, sinalou o representante autonómico

A Xunta outorgou case 30.000€ a esta sociedade cooperativa galega, encabezada por Susana Loroño e Laura Vidal, xa que tamén se beneficiou da liña de achegas ao Fomento da Iniciativa Emprendedora pola súa aposta para a conexión de empresarias e os avances sociais

Vilagarcía de Arousa, 18 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, salientou esta tarde o “forte compromiso e máximo apoio” do Goberno galego co emprendemento feminino na súa visita a Dalle que Dalle Sociedade Cooperativa Galega, emprazada no centro de Vilagarcía de Arousa e beneficiaria das axudas da derradeira convocatoria do Plan Emega da Consellería de Emprego e Igualdade.

O representante autonómico, acompañado da xefa territorial de Emprego e Igualdade, Marta Mariño, coñeceu o proxecto Woman Code deste espazo de coworking, que recibíu unha achega de 10.000 euros do Plan Emega, con motivo do Día Internacional da Muller Emprendedora, que se celebra cada 19 de novembro. Na súa visita estivo acompañado pola deputada autonómica Elena Suárez.

Esta iniciativa, que permitíu soster dous postos de traballo coa colaboración da achega da Xunta, centrouse na celebración dun bootcamp para que mulleres emprendedoras realicen o desenvolvemento completo dunha páxina web co obxectivo de sumarse á transformación tecnolóxica, reducir a fenda dixital de xénero, favorecer a empregabilidade das mulleres no sector das TIC e impulsar a conciliación para traballar dende calquera lugar. O proxecto incluíu formación durante 16 semanas con 320 horas de carga lectiva.

“As axudas empresariais da Xunta para as mulleres, entre as que destacan as de emprendemento do Plan Emega, son fundamentais para acadar unha sociedade igualitaria e aínda máis desenvolvida, pero collen aínda máis valor nun proxecto cooperativo coma este de Dalle que Dalle, xa que, ademais de xerar emprego, aposta por cuestións de gran importancia para o futuro, como a sustentabilidade, a innovación, a conciliación e as novas tecnoloxías”, sinalou o delegado territorial.

A cooperativa de Vilagarcía funciona como un espazo de coworking, encabezado por Susana Loroño e Laura Vidal, cunha concepción de empresa social e sustentable que ofrece ferramentas innovadoras para dar solucións aos problemas do territorio e pon sobre a mesa un ecosistema de oportunidades apostando pola eficiencia, a conexión entre emprendedoras e o avance de proxectos de impacto social. Actualmente, Dalle que Dalle está conformada por unha gran variedade de perfís profesionais, como emprendedoras, startups, estudantes, autónomos, activistas ou artistas, entre outros.

Pola súa dinámica e a riqueza dos seus proxectos, este centro de innovación social recibíu máis axudas da Xunta ata roldar os 30.000 euros, xa que, á achega do Plan Emega, hai que engadir outra de case 20.000 euros ao abeiro da orde de Fomento da Iniciativa Emprendedora da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

“É un orgullo ter na nosa terra proxectos como o de Dalle que Dalle, porque, á súa implicación co emprendemento e a innovación en Vilagarcía e a comarca do Salnés, engaden unha concepción global de Galicia e queren seguir medrando e enriquecendo as súas ideas, polo que participaron a pasada fin da semana na andaina do Plan Emega cunha ducia de emprendedoras beneficiarias que percorreron o treito final ata Fisterra”, louvou Luis López.

Imaxes relacionadas