A Xunta destinará 157 M€ a axudas e actuacións directas para a rehabilitación de vivendas en 2022 para reforzar a aposta pola recuperación

Feijóo avanza que este financiamento vai xerar uns 360 M€ de investimento total, dos que se van beneficiar 16.000 familias galegas e vanse crear ao redor de 17.000 postos de traballo

Salienta que “estamos ante unha grande inxección de recursos económicos, procedentes en boa parte dos fondos Next Generation”, e incide en que “estamos nun momento histórico para rehabilitar unha vivenda en Galicia”

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Goberno galego destinará 157 millóns de euros a axudas e actuacións directas para a rehabilitación de vivendas en 2022 para reforzar a aposta pola recuperación.

“Estes 157 millóns de euros que inxectaremos no sector da rehabilitación en Galicia van xerar uns 360 millóns de investimento total, dos que se van beneficiar 16.000 familias galegas e vanse crear ao redor de 17.000 postos de traballo”, explicou Feijóo.

En liñas xerais, segundo dixo Feijóo, “trátase de sete liñas do plan europeo de rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana; seis liñas propias da Xunta, e actuacións directas do Goberno galego a través de instrumentos como o programa Rexurbe, o Consorcio Casco Vello de Vigo e o mantemento do parque público de vivendas”.

No que atinxe ás liñas europeas, suman un importe de máis de 117 millóns de euros a repartir en varios programas como o Programa de axuda á rehabilitación a nivel de barrio (22,9M€). Neste caso financiarase a rehabilitación sempre que se acade un aforro enerxético de, polo menos, o 30% e poderase chegar aos 21.400 euros de axuda se o aforro chega ao 60%.

A maiores, o titular do Goberno galego incidiu en que as actuacións en Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) que desapareceron do Plan estatal de vivenda, poderanse financiar a través deste programa grazas ás xestións da Xunta.

Ademais, o Programa de axudas ás actuacións a nivel de edificio destinará preto de 23 M€ para financiar apoios de ata 18.800 euros por vivenda para mellorar principalmente fachadas e cubertas, e o Programa de axudas ás actuacións de mellora de eficiencia enerxética achegará 13,5M€ para cambio de fiestras con subvencións de ata 3.000 euros.

A Xunta convocará tamén unha orde de axudas para a elaboración do libro do edificio para a rehabilitación, unha documentación obrigatoria para novos inmobles. Terá un financiamento de 3,4 millóns de euros, que tamén inclúe incentivos para a redacción de proxectos de rehabilitación.

O programa de construción de vivendas de alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes terá un investimento de 29 millóns de euros. 16 M€ destinaranse a convocar axudas para promotores públicos e privados e 13 M€ para execución directa por parte do IGVS.

Por outra banda, os apoios da Xunta inclúen: o Fondo de Cooperación para rehabilitación subvencións para recuperar vivendas de titularidade municipal, axudas para rehabilitar infravivendas no rural e os préstamos de rehabilitación. “Tamén se destinan 2,2 millóns de euros para as ARI Supramunicipais dos Camiños de Santiago, Ribeira Sacra e Parque Nacional das Illas Atlánticas”, explicou Feijóo.

O presidente da Xunta tamén salientou que van seguir as actuacións directas do IGVS como, por exemplo; os 10 millóns de euros do Programa Rexurbe; 2 M€ para mellorar o parque público de vivendas e 3 M€ para que o Consorcio Casco Vello de Vigo “siga rexenerando o corazón histórico da cidade”.

Logo de salientar que “estamos ante unha grande inxección de recursos económicos, procedentes en boa parte dos fondos Next Generation”, Feijóo incidiu en que “estamos nun momento histórico para rehabilitar unha vivenda en Galicia”.

Imaxes relacionadas