Feijóo salienta que o Plan de choque da Xunta destinou máis de 37 M€ a impulsar a reactivación do sector turístico

Pon en valor que os fondos deste Plan de Choque impactaron, sobre todo, no tecido empresarial

Lembra que o Goberno galego destinou 90 millóns de euros nos plans de rescate para axudar á hostalería a superar as consecuencias das restricións
 

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe, en rolda de prensa, que o Plan de Choque da Xunta destinou máis de 37 millóns de euros a impulsar a reactivación do sector turístico tras a pandemia da covid-19.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que o 85% dos fondos dese Plan se destinaron a activar máis liñas de axuda encamiñadas á recuperación de subsectores como o turismo de congreso e a turoperación, á mellora das infraestruturas turísticas ou á adaptación aos protocolos ante a covid-19.

Os 6 millóns de euros restantes están sendo destinados a infraestruturas turísticas singulares, tecido asociativo ou a creación de novos produtos, entre outras medidas.

Por outra banda, Feijóo puxo en valor que os fondos deste Plan de Choque impactaron, sobre todo, no tecido empresarial. Deste xeito, deses 31,2 millóns de euros: 22,3 M€ foron a parar ao empresariado turístico; 4,5 M€ aos concellos; 4,2 M€ aos particulares, e 150.000 € para o tecido asociativo do Camiño.

A maiores, o presidente da Xunta lembrou que o Goberno galego destinou 90 millóns de euros nos plans de rescate para axudar á hostalería a superar as consecuencias das restricións.

 

Imaxes relacionadas