Galicia activará a segunda emisión de bonos sostibles por importe de 500 M€ para sufragar investimentos ligados á economía verde e á axenda 2030

Feijóo salienta que que Galicia é unha das cinco comunidades españolas que realizan emisións destes bonos, xunto con Madrid, Andalucía, Navarra e o País Vasco

Avanza que nos vindeiros días se formalizará esta emisión que xa estaba prevista no Plan anual de endebedamento e non suporá un aumento da cifra neta de débeda

“Máis investimento para recuperación, menos impostos e menos endebedamento”, di
 

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta que se activará a segunda emisión de bonos sostibles por importe de 500 M€ para sufragar investimentos ligados á economía verde e á axenda 2030. “Súmase á primeira que activamos en setembro do ano pasado por outros 500 M€”, recordou.

Nesa liña, o presidente da Xunta explicou que Galicia é unha das cinco comunidades españolas que realizan emisións destes bonos, xunto con Madrid, Andalucía, Navarra e o País Vasco.

Máis polo miúdo, sinalou que o propósito é empregar eses recursos para iniciativas relacionadas con enerxías renovables, eficiencia enerxética, control da contaminación, conservación da biodiversidade , transporte limpo, así como para usos sociais de apoio a infraestruturas básicas como melloras de camiños, extensión da banda ancha ou construción de hospitais, entre outras.

Ademais, o presidente da Xunta avanzou que nos vindeiros días se formalizará esta emisión, que non é improvisada, dixo, senón que xa estaba prevista no Plan anual de endebedamento. Nese sentido, incidiu en que esta emisión non suporá un aumento da cifra neta de débeda.

Ao longo da intervención, Feijóo tamén recordou que Galicia conta cun Marco de Financiamento Sostible para promover tanto estas operacións como un financiamento responsable para afrontar os nosos desafíos. “No orzamento de 2022 destinamos 8.660 M€ a gasto social tradicional e emprego, o máis alto da historia da Comunidade”, destacou, ao tempo que subliñou que se abonarán só 74 M€ de intereses de débeda.

Por último e a ese respecto, o presidente da Xunta fixo referencia aos datos do Banco de España que ratifican a Galicia como a Comunidade con menor aumento do volume da débeda desde 2008, e “pechamos o segundo trimestre do ano como a 3ª Comunidade con menor endebedamento por habitante” engadiu. En definitiva, “máis investimento para recuperación, menos impostos e menos endebedamento”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas