O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, compareceu na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

A Xunta incrementa nun 36% o persoal de valoración da dependencia para reducir os tempos de espera

O número de Órganos de Valoración de Dependencia tamén se está a incrementar nun 42% para axilizar os trámites e a asignación dun recurso

O Goberno galego aprobou un Plan de choque de atención á dependencia centrado na simplificación normativa, administrativa e no reforzo do persoal

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, compareceu esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para dar conta sobre os avances acadados polo seu departamento na valoración e recoñecemento da situación de dependencia. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego está a incrementar nun 36% o persoal encargado de realizar estas valoracións e nun 42% o número de órganos encargados de realizalas.
Antón Acevedo sinalou que desde o 1 de novembro estase a contratar tanto a persoal técnico para a conformación de novos Órganos de Valoración de Dependencia, como persoal administrativo de apoio a esta tramitación. Un incremento de persoal destinado a reducir os tempos de espera na valoración e recoñecemento da situación de dependencia e na determinación do recurso idóneo.
O director xeral lembrou que no pasado mes de maio o Consello da Xunta aprobou o Plan de choque en dependencia, centrado na simplificación normativa, administrativa e no reforzo do persoal. Dentro deste plan inclúense medidas como a unificación de dous procedementos como a solicitude do grao de dependencia e a resolución do grao de Programa Individualizado de Atención (PIA).

Incremento do SAF

Tamén se reducen os papeis a entregar para solicitar este recoñecemento, que pasan a ser só dous: un informe médico e un informe social. Por outro lado, estase a mellorar o sistema de atención a través do acordo entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para mellorar a financiación do Servizo de Axuda no Fogar. Este acordo permitirá o incremento nun 24% o financiamento nun dos servizos máis demandados polas persoas dependentes.

Imaxes relacionadas