A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou no I Congreso Europeo polo Reto Demográfico celebrado na localidade estremeña de San Pedro de los Majarretes

A Xunta pide en Estremadura que as comunidades autónomas volvan unir forzas para reivindicar unha política demográfica estatal "urxente, coordinada e contundente"

Sinalou que a renovación desta alianza poderá materializarse a vindeira semana durante o encontro de presidentes autonómicos que se celebrará en Santiago e á que asistirán as oito autonomías que conforman o Fredd

Lembrou que foron as comunidades autónomas as que situaron o reto demográfico como prioridade dentro das políticas públicas estatais

Puxo como exemplo algunha das medidas impulsadas desde Galicia como a gratuidade das escolas infantís ou a aprobación da primeira Lei de impulso demográfico de España

Valencia de Alcántara (Cáceres), 18 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou esta mañá no I Congreso Europeo polo Reto Demográfico onde pediu que as comunidades autónomas volvan unir forzas para reivindicar unha política demográfica estatal “urxente, coordinada e contundente”. O encontro, celebrado na localidade estremeña de San Pedro de los Majarretes, no municipio de Valencia de Alcántara, estivo presidido pola ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez García, e polo presidente da Junta de Estremadura, Guillermo Fernández Vara.
A conselleira de Política Social participou na mesa redonda titulada ‘Estrategias y gobernanza ante el Reto Demográfico y Territorial’, integrada polo vicepresidente da Junta de Castela-A Mancha, José Luis Martínez Guijarro, a conselleira de Agricultura, Desarrollo Rural, Población y Territorio estremeña, Begoña García Bernal, polo presidente da Comisión de Despoblación de la Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), Miguel Gracia Ferrer e polo vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional-Rexión Centro (CCDR-Centro) de Portugal, Eduardo Anselmo de Castro.
Fabiola García sinalou que a renovación desta alianza poderá materializarse na próxima semana durante a reunión de presidentes autonómicos que se celebrará en Santiago e á que asistirán os presidentes das oito autonomías que forman parte do Foro de Regiones Españolas con Desafíos Demográfico (Fredd). Neste sentido, puntualizou que a demografía logrou situarse nos último anos como un obxectivo prioritario das políticas públicas gracias á implicación das comunidades autónomas.
A conselleira lembrou que foi gracias a este impulso autonómico que acadaron logros como a conformación deste foro de rexións, o ditame Herrera Campo, aprobado polo Comité das Rexións no ano 2017 e que elevou esta cuestión ás institucións europeas, ou o impulsou do Alto Comisionado para o Reto Demográfico, órgano encargado de iniciar a elaboración da Estratexia Nacional para o Reto Demográfico. Este documento debe seguir sendo, apuntou, “a folla de ruta que guíe a política demográfica”.

Galicia pioneira

Así mesmo, durante a súa intervención puxo como exemplo algunha das medidas pioneiras postas en marchas desde Galicia como a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos, que se ampliará aos primeiros no vindeiro curso, as casas niño, para ofrecer recursos de conciliación no rural, ou a Estratexia retorna, para fomentar a volta dos galegos na diáspora. Ademais, tamén concretou que Galicia converteuse na primeira Comunidade en aprobar unha Lei de impulso demográfico en España, seguida de Castela-A Mancha.

Imaxes relacionadas