A Xunta licita por máis de 2,4 M€ o contrato para a explotación das estacións de autobuses de Cambados, Cangas, Ponteareas e Vigo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade contrata este servizo unha vez rematada a concesión da xestión destas terminais

As empresas interesadas en desenvolver este contrato, cun prazo de 5 anos, poderán presentar as súas ofertas ata o 17 de decembro

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021

A Xunta licita por un valor estimado de máis de 2,4 millóns de euros (sen IVE) o contrato para a explotación das estacións de autobuses de Cambados, Cangas, Ponteareas e Vigo.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de iniciar o proceso de contratación deste servizo, unha vez que rematou a concesión para a xestión destas terminais.

As empresas interesadas en desenvolver este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de decembro.

O prazo do contrato de explotación destas catro estacións é de 5 anos, e dado que na actualidade, a estación intermodal de Vigo se atopa en fase de obra, o comezo desta concesión quedará condicionado á recepción das instalacións e da súa posta en servizo.

Estas estacións de autobuses foron construídas pola Xunta e concentran a circulación de vehículos que realizan rutas de transporte interurbano na provincia de Pontevedra, principalmente na contorna da cidade de Vigo.

De xeito máis concreto, os servizos prestados nestas estacións son aqueles con orixe ou destino en Cambados, Cangas, Ponteareas e Vigo.

No que se refire aos datos de explotación, as terminais rexistran máis de 3 millóns de viaxeiros ao ano e preto de 254.000 expedicións con paradas nestes concellos.

Cómpre lembrar que a Xunta tamén vén de licitar as obras de mellora da área intermodal das estacións de autobús e marítima de Cangas, que inclúe o acondicionamento do edificio da terminal, das dársenas e dos accesos desta infraestrutura.