Arias destaca que o aumento da matrícula no CEIP Terra Chá de Vilalba mostra “o gran labor” que están a facer os colexios do rural

O delegado territorial da Xunta en Lugo visitou o centro, que abriu unha nova aula de Infantil tras duplicar en dous cursos o número de alumnos desa etapa educativa

Vilalba (Lugo), 18 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe “o gran labor que desenvolven” os centros educativos do rural como o CEIP Terra Chá da parroquia de Román (Vilalba), que nos dous últimos cursos case dobrou a cifra de alumnado de Infantil, pasando de 16 matriculados nesa etapa no curso 2018/19 aos 31 actuais.

Arias visitou a nova aula de Infantil habilitada tras incorporarse novos nenos e nenas, o que lle permitiu a este centro desdobrar a aula mixta de cuarto e quinto e pasar a contar coas tres unidades de Infantil -a etapa completa -. No tocante á Educación Primaria, hai 39 rapaces escolarizados entre primeiro e sexto curso.

O delegado puxo en valor “a implicación e dinamismo dos docentes que traballan para garantir un ensino de calidade nestes centros en condicións de igualdade cos colexios máis grandes”. Así, apuntou que o CEIP Terra Chá participa en iniciativas impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade como o proxecto do libro dixital (E-dixgal) ou o Plambe de mellora de bibliotecas escolares.

Así mesmo, o colexio está involucrado en programas de innovación educativa como os proxectos Terra e Vexo Veo Xacobeo (que trata de achegar o coñecemento sobre os Camiños de Santiago entre os escolares no marco deste dobre Ano Santo); así como no programa Inclúe-T, que fomenta a inclusión no eido do ensino.

Arias tamén se referiu ás obras máis recentes executadas no centro vilalbés, onde se investiron arredor de 85.000 euros nos últimos cinco anos para acometer diversas actuacións entre as que destacan o peche do patio de Infantil, a instalación dun parque de xogos, a renovación das ventás e melloras nos aseos, entre outras.

Imaxes relacionadas