O director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, participa en Bélxica no evento final para facer balance dos catro primeiros anos da iniciativa

Galicia solicitará fondos europeos para continuar o proxecto ‘Biogov’ de protección da biodiversidade, unha iniciativa que aspira a liderar a partir do vindeiro ano

A Xunta e os seus oito socios europeos acordan presentar unha nova candidatura á próxima convocatoria do Interreg Europe, prevista para o primeiro trimestre de 2022

A piques de completar a primeira fase do proxecto, centrada máis na aprendizaxe e na redacción de plans de acción, o obxectivo a partir de agora será poñer en práctica os coñecementos adquiridos a través do impulso de proxectos piloto sobre o terreo

Voeren (Bélxica), 18 de novembro de 2021

Galicia e os seus socios europeos no proxecto Biogov (Celebrando a gobernanza da biodiversidade) queren darlle continuidade a esta iniciativa, impulsada no ano 2018 ao abeiro do programa Interrreg Europe e que ten como obxectivo axudar ás rexións participantes a optimizar a eficacia dos fondos Feder destinados á mellora da paisaxe e da biodiversidade a través do intercambio de experiencias, información e coñecementos.

Con este fin, responsables políticos dos oito países e rexións implicados no proxecto acordaron hoxe presentar unha nova candidatura á próxima convocatoria do Interreg, prevista para o primeiro trimestre de 2022. Se esta segunda fase resulta elixida e recibe financiamento europeo, a proposta unánime dos socios de Biogov é que Galicia asuma o liderado e a coordinación da iniciativa durante os próximos anos.

Esta foi unha das principais conclusións do encontro de traballo que reúne desde onte en Bruxelas aos representantes do consorcio Biogov e no que participa en nome da Xunta o director do Instituto de Estudo do Territorio (IET), Enrique de Salvador.

Cómpre lembrar que Biogov é un proxecto novidoso e de carácter colaborativo que conta cun total de oito socios, ademais de Galicia: os Países Baixos (provincia de Fryslân), actual líder do proxecto; Bélxica (Axencia de Terras Flamencas); Polonia (Rexión Lodzkie); Romanía (Axencia para a protección ambiental de Mures e a Fundación ADEPT de Transilvania); Bulgaria (Asociación de xestión búlgara); Eslovenia (Instituto Forestal Esloveno); e Suecia (Xunta administrativa comarcal de Västra Götaland).

No caso galego, os traballos desenvolvidos desde 2018 centráronse na protección e restauración da biodiversidade dentro da grande área paisaxística das Serras Orientais —definida no Catálogo das Paisaxes de Galicia— e máis concretamente, no concello de Cervantes, elixido polo IET como zona piloto por ser un municipio no que máis do 90% da superficie está en Rede Natura 2000 e tamén por ter un marcado carácter gandeiro.

De feito, os representantes das nove entidades implicadas nesta primeira fase de Biogov —centrada máis na análise e na definición de instrumentos políticos de planificación— dedicaron a xornada de onte a facer un balance das conclusións xerais e da experiencia acumulada nos seus respectivos territorios durante os últimos catro anos, tendo en conta que o proxecto finaliza en maio de 2022.

Así, en nome da Xunta, o director do IET aproveitou este evento final celebrado en Bruxelas para poñer en valor o potencial deste tipo de iniciativas colaborativas, xa que permiten coñecer a realidade de rexións diferentes pero que deben afrontar retos moi semellantes e compartir experiencias para coñecer as mellores prácticas que se están levando a cabo en cada país, así como a súa posible aplicación noutras zonas.

De igual xeito, fixo fincapé na conectividade ecolóxica a diferentes escalas (local, rexional, nacional e europea) como factor crucial para a biodiversidade, que require unha visión conxunta e coordinada. E finalmente indicou que o financiamento multisectorial tamén pode funcionar a nivel europeo para lograr obxectivos multifuncionais.

Segunda fase sobre o terreo

Durante a xornada de traballo de hoxe e tendo en conta que a primeira fase de Biogov encara xa a súa recta final, os membros do consorcio acordaron continuar co seu desenvolvemento a través dunha segunda fase de carácter moito máis práctico, polo que encaixaría na nova convocatoria de axudas do programa Interreg Europe, focalizada na realización de proxectos piloto sobre o terreo.

Así mesmo, todos os socios coincidiron en propoñer que, se esta nova candidatura sae adiante e recibe financiamento comunitario, sexa Galicia quen asuma a súa dirección e liderado a partir do ano que vén, en substitución dos Países Baixos, unha proposta que Enrique de Salvador aceptou en nome da Xunta. O obxectivo común será avanzar na posta en marcha de medidas e iniciativas concretas que permitan seguir protexendo a biodiversidade de cada rexión a través de fondos europeos.

No caso galego, De Salvador explicou que a intención da Xunta é impulsar varios proxectos piloto na mesma zona xeográfica na que se desenvolveu a primeira fase de Biogov. Deste xeito e tomando como base o plan de acción elaborado polo IET, o próximo obxectivo será executalo, para o que resultará imprescindible, dixo, lograr a implicación dos diferentes axentes sociais e particularmente, da poboación local.

Tras a reunión de traballo celebrada esta mañá en Voeren, a comitiva do proxecto Biogov desprazouse ata o val do río Gulp para coñecer in situ unha das dúas zonas seleccionadas polos socios belgas para desenvolver a primeira fase da iniciativa, unha visita coa que se puxo punto e final ao programa da viaxe.

Imaxes relacionadas