O presidente da Xunta participou esta mañá na inauguración do Foro estratéxico Talentia Summit 2021, xunto á ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría

Feijóo resalta o compromiso da Xunta cunha Universidade 4.0 que concilie innovación, empregabilidade e especialización, cun plan de financiamento que permitirá mobilizar 3.200M€

Destaca tamén que nos orzamentos autonómicos do ano que vén as contías comprometidas para o Sistema Universitario Galego ascenden a case 500 millóns, un 5,4% máis que no exercicio anterior

Avanza que a Xunta xa está a traballar nunha Estratexia Galega de FP 2021-2025, para potenciar a rede de centros referentes, reforzar a oferta e estreitar a colaboración co tecido empresarial

Pide que non se mine o esforzo: “se hai que mellorar os resultados educativos, fagámolo. Se hai que renovar a motivación dos alumnos, busquémola. Pero non minemos o esforzo, que é o garante de igualdade, porque o acusará a excelencia e, por extensión, todos nós”

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe o compromiso da Xunta cunha Universidade 4.0 que concilie innovación, empregabilidade e especialización, cun Plan de financiamento que permitirá mobilizar 3.200 millóns de euros entre 2022-2026, “un 31% máis que o fixado inicialmente no período anterior”, dixo, destacando tamén que nos orzamentos autonómicos do ano que vén as contías comprometidas para o Sistema Universitario Galego ascenden a case 500 millóns, un 5,4% máis que no exercicio anterior.

Durante a inauguración do Foro estratéxico Talentia Summit 2021, xunto á ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, Feijóo lembrou tamén que a Comunidade conta cun novo mapa de titulacións, decisivo para que o Sistema Universitario Galego responda aos retos do futuro; ademais de reformar a oferta formativa para o 2022-2026.

Deste xeito implantaranse 15 novos másteres adecuados aos perfís de futuro en catro áreas clave que abarcan case todo o PIB galego, como son: as ciencias, cun máster en Economía Circular, Xestión Sostible e Tecnoloxía Téxtil; as ciencias da saúde, cun novo máster en Cronicidade e Modelos de Atención Sociosanitaria e E-Saúde; as ciencias sociais e xurídicas, cun máster en Comportamento do Consumidor, Transformación Dixital e Innovación Educativa; e a enxeñaría e a arquitectura, cun máster de Realidade Estendida, Vehículos Autónomos e o Internet das cousas.

“E xa estamos traballando tamén nunha Estratexia Galega de FP 2021-2025, para potenciar a rede de centros referentes, reforzar a oferta e estreitar a colaboración co tecido empresarial”, engadiu, subliñando que Galicia conta hoxe con 23 centros integrados de formación profesional; con 26 viveiros de empresas nestes centros; con 58 ciclos plurilingües; con 13 titulación en áreas de futuro como a intelixencia artificial ou a ciberseguridade; e cunha FP Dual con 163 ciclos.

Feijóo aproveitou o acto para pedir que non se mine o esforzo, garante de igualdade. “Se hai que mellorar os resultados educativos, fagámolo. Se hai que renovar a motivación dos alumnos, busquémola. Pero non minemos o esforzo, que é o garante de igualdade, porque o acusará a excelencia e, por extensión, todos nós”, explicou.

Imaxes relacionadas