O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria inaugurou hoxe o I Foro monográfico sobre a materia organizado polo Goberno galego

A Xunta apoia e impulsa a innovación produtiva do sector agrario cunha clara vocación de transferencia

Este evento serve para presentar os resultados de diferentes iniciativas apoiadas con fondos Feader e da Consellería do Medio Rural co fin de impulsar a innovación no sector produtivo primario da nosa comunidade

Nesta xornada preséntanse un total de 32 proxectos piloto e de grupos operativos rematados no ano 2020 e beneficiarios dunha achega pública de 5,1 millóns de euros xestionados pola Administración autonómica

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou hoxe o I Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, que se celebra na Cidade da Cultura. Este evento serve para presentar os resultados de diferentes iniciativas apoiadas con fondos Feader e da Consellería do Medio Rural co fin de impulsar a innovación no sector produtivo primario da nosa comunidade.
Así, un tribunal – presidido polo propio Cabarcos – está a avaliar ao longo de toda a xornada os diversos proxectos, que son presentados polos seus promotores nun formato áxil (dispoñen de dez minutos), para seleccionar varios dos que se identifiquen cunha clara vocación de transferencia cara ao sector agroalimentario galego. É dicir, co fin de trasladar ao eido produtivo as innovacións e melloras que precisa para incrementar a súa competitividade. Ademais, os promotores teñen a esixencia de identificar, en cada proxecto, os obxectivos de desenvolvemento sustentable aos que dá resposta e explicar de que maneira estas iniciativas poden contribuír ao crecemento da actividade produtiva dende un punto de vista social, económico e ambiental.
En relación co comité avaliador desta xornada, José Luis Cabarcos salientou que está formado por responsables e técnicos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e que conta, ademais, co prestixioso investigador – xa xubilado – do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Jesús Moreno.
En total, son 32 iniciativas (21 de grupos operativos e 11 proxectos piloto) as que se están a valorar, todas elas rematadas no ano 2020 e que se beneficiaron das axudas de Medio Rural tanto para grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) como para proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal na convocatoria correspondente ao ano 2018. Nese ano, a Xunta destinou a estas achegas, en conxunto, un orzamento de arredor de 5,1 millóns de euros.

Factores de avaliación

Para a avaliación destes proxectos téñense en conta factores como o seu ámbito territorial, o seu presuposto, o problema que se pretendía resolver ou a mellora que se buscaba, os resultados obtidos, a súa aplicabilidade ao sector produtivo do rural galego ou os obxectivos de desenvolvemento sustentable que resolve.
Entre as iniciativas participantes neste foro atópanse varias vinculadas ao sector vacún, tanto de carne como de leite. Así, un dos proxectos é o presentado pola asociación Agrigga Carne, centrado na optimización da produción de carne de vacún maior de calidade grazas ao aproveitamento dos recursos propios. Esta mesma entidade tamén presenta neste foro outra iniciativa sobre a produción propia de materias primas para a alimentación ecolóxica de tenreiros como estratexia de diferenciación. Outro dos traballos procura a mellora do cebo de vacas frisoas dentro da Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia, e neste caso foi promovido pola propia Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
No eido lácteo un dos estudos que se presenta hoxe xira arredor das alternativas de alimentación en gando vacún para a mellora do perfil proteico do leite da marca Galega 100%, incrementando a súa actitude queixeira na produción de queixo autóctono Arzúa-Ulloa, a cargo das cooperativas ourensás Coren.

Porcino

Tamén dentro do sector gandeiro, pero neste caso de porcino, dous proxectos permitiron avanzar, por un lado, na redución da adición de antibióticos na dieta destes animais en ciclo industrial, presentado pola Asociación de Desenvolvemento Rural (ADR) Mariñas-Betanzos e, por outro, no estudo do efecto do sistema de cría e da idade de sacrificio sobre as características da carne de porco celta, a cargo de Asoporcel, a asociación de criadores desta raza autóctona.
No eido forestal, a entidade a Asociación de Desenvolvemento Rural (ADR) Ódega presenta un traballo sobre mostraxe mediante parcelas dixitais, a empresa de enxeñería ambiental Cerna outro arredor da mellora da xestión de fertilizantes en viveiro para incremento da produción da planta forestal e o particular Roberto Touza unha terceira iniciativa relacionada coas novas tecnoloxías aplicadas ao aproveitamento resineiro do interior de Galicia. A maiores, outros proxectos presentados hoxe están vinculados a sectores como os da castaña, do mel, da produción avícola, do viño ou da horta.

Imaxes relacionadas