Trenor traslada ao alcalde de Pobra do Caramiñal un convenio para a mellora integral do centro de saúde

O proxecto ten un orzamento de máis de 45.000 euros e sería financiado a partes iguais pola Xunta e polo Concello ao tratarse dun edificio de titularidade municipal

A Xunta de Galicia foi a encargada de elaborar a proposta de acordo para executar a obra que hoxe se lle presentou ao rexedor

Pobra do Caramiñal (A Coruña), 18 de novembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse esta mañá co alcalde de Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, para presentarlle unha proposta de convenio que permitiría levar a cabo unha mellora integral do centro de saúde deste concello.

O orzamento previsto é de algo máis de 45.000 euros e sería financiado a partes iguais pola Xunta e polo Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello será o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

A Xunta de Galicia elaborou a proposta de convenio que hoxe se lle presentou ao rexedor, tras o informe das necesidades do edificio presentado polo Concello. O Goberno galego coordinaríase co Concello para non interromper a prestación sanitaria durante o desenvolvemento das mesmas, garantindo en todo momento a calidade asistencial dos veciños asignados a este centro.

O delegado da Xunta repasou co alcalde o informe no que se reflexa a necesidade de levar a cabo esta actuación porque o edificio require dunha serie de actuacións para o acondicionamento e melloras das súas instalacións que se foron deteriorando co paso do tempo.

O delegado da Xunta de Galicia entregou o convenio no que se recollen as obras de reforma que se realizaran consistentes na reforma dos baños da planta baixa e na colocación dos pratos de ducha da planta alta; a colocación de placa de xeso; a pintura de todo o interior do edificio; o encinte da fachada; a substitución das ventás e a reforma da zona de consultas para organizar de forma óptima a prestación do servizo sanitario.

O representante do Goberno galego puxo en valor este investimento para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde e para facilitar o seu uso por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para acondicionar o edificio municipal no que se presta o servizo sanitario aos veciños da Pobra.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Coristanco, Oleiros, A Coruña (Novo Mesoiro), Cambre, Malpica, Arteixo, Culleredo, Santiago (Galeras). Nesta lexislatura vense de poñer en marcha o novo centro de saúde de Ames (Milladoiro), Melide ou Narón e as reformas de Ortigueira, Mugardos, As Pontes, Ribeira ou Bertamiráns. Asinamos convenio para a construción do novo centro de saúde de Abegondo e xa está licitada a redacción do seu proxecto e temos asinado convenio de colaboración co concello de A Coruña para a construción do novo centro de Saúde de Santa Lucía.

No que respecta aos centros de titularidade municipal, foron xa reformados nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde Oza-Cesuras, Arteixo, Cabanas, Boimorto, Valdoviño, Malpica, Padrón, Coristanco e Cee. Temos asinado neste 2021 convenios para reforma dos centros de titularidade municipal cos concellos de Monfero, Bergondo e Valdoviño.

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 92 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Para todo isto, é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009 xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.

Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade. Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.

Imaxes relacionadas