A Xunta destaca o alto grao de cumprimento do Plan Director do Camiño 2015-2021 a pesares da pandemia

A directora de Turismo de Galicia compareceu diante do Parlamento para dar conta do balance de actuacións levadas adiante no marco deste plan director, a primeira folla de ruta creada pola Xunta para a preparación deste Xacobeo

Entre as principais cifras, o plan remata cun investimento de máis de 26M€ na conservación dos camiños e de case 16M€ na mellora da rede pública de albergues

Como consecuencia da pandemia, o Plan tivo que incorporar medidas extraordinarias para garantir un Camiño Seguro

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu diante da Comisión 6ª do Parlamento de Galicia para dar conta do balance de actuacións do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago en Galicia 2015-2021 que está piques de concluír cun grao de execución do 93% e cun orzamento de máis de 67 millóns de euros.
A responsable de Turismo de Galicia destacou as liñas esenciais de actuación que se levaron adiante ao longo destes anos, incluso durante a pandemia, orientadas á preservar, potenciar e poñer en valor o Camiño de Santiago tanto desde o punto de vista da conservación e mellora do trazado e das infraestruturas de acollida como desde o punto de vista do estudo, comunicación e divulgación do fenómeno xacobeo.
Nava Castro fixo especial fincapé nas principais actuacións en materia de conservación e mellora dos diferentes trazados e dos servizos aos peregrinos que se fixeron no marco deste primeiro Plan Director, coa vista posta en preparar as infraestruturas para a celebración do Xacobeo dándolle resposta ás necesidades do peregrino do século XXI e, como consecuencia da crise sanitaria da covid-19, “para garantir un Camiño Seguro”, o que fixo preciso poñer en marcha medidas de seguridade sanitaria tanto para peregrinos como para os profesionais que os atenden, entre as que se incluíron formación, manuais de continxencia ou a posta en marcha do seguro coronavirus.

O Plan Director, en cifras

A directora de Turismo de Galicia debullou as principais cifras coa que remata este Plan: 26,3M€ investidos na conservación dos trazados xacobeos, preto de 14M€ en actuacións de mellora e homologación da sinalética do Camiño; 15,8M€ na mellora das infraestruturas de acollida, coa creación de 14 novos albergues públicos así como actuacións de mellora en moitos outros albergues, co obxectivo de incrementar a súa accesibilidade e a súa eficiencia enerxética.
Neste sentido, Castro destacou o enorme esforzo que se fixo neste Plan Director para o cumprimento das actuacións relativas ao Camiño Sostible, que foi un dos grandes eixes de actuación co que se concibiu esta folla de ruta, que se traduciron na posta en marcha dun plan de xestión de residuos na rede de albergues, mellora da eficiencia enerxética e do consumo de auga ou a plans de sensibilización dos peregrinos para a loita contra os residuos no Camiño, entre outras.

Plan Director dos Camiños 2022-2027

Finalmente, Castro tamén dedicou parte da súa comparecencia ao Camiño do Futuro, destacando que xa está en marcha a redacción do novo Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, que establecerá a folla de ruta para a xestión e promoción do Camiño de Santiago ata o vindeiro Ano Santo co obxectivo de seguir avanzando nas actuacións de conservación, mantemento e sinalización do trazado e mellora da acollida.
Unhas actuacións que se sumarán ás que a Xunta presentou ao Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22 e que se traducirían nun investimento no Camiño de Santiago en Galicia de 13,1M€ procedentes dos fondos europeos Next Generation. Con eles o Goberno galego quere impulsar o Camiño cicloturístico, o Camiño Seguro, innovador e en familia e á revalorización da ruta marítimo fluvial ría de Arousa-río Ulla (Traslatio).