A Xunta participa na reunión na que o Goberno central aprobou emitir o informe pendente sobre o Plan de Emerxencia do polígono da Grela Bens

A Xunta remitira xa en decembro do ano pasado ao Ministerio do Interior o informe favorable da Comisión Galega de Protección Civil indicando a importancia de aprobar a revisión do plan canto antes ao modificarse os radios de afección

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na reunión da Comisión Permanente do Consello Nacional de Protección Civil, na que tamén se acordou cambiar o regulamento para que este tipo de informes se poidan emitir sen ter que esperar á reunión deste organismo estatal

Tras ser informado polo Goberno central poderase continuar coa tramitación do PEE coa publicación do decreto para a súa aprobación

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2021

- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe por videoconferencia na reunión do Consello Nacional de Protección Civil, na que se informou do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) do polígono A Grela Bens co obxectivo de adecuar o novo plan ao Sistema Nacional de Protección Civil e que poida publicarse o decreto para a súa aprobación.
No encontro de hoxe tamén se acordou modificar o regulamento deste organismo nacional, de forma que os Plans Territoriais e Especiais de ámbito estatal ou autonómico poidan ser informados directamente pola Dirección Xeral de Protección Civil do Ministerio do Interior sen ter que esperar á reunión deste Consello.
O Goberno galego xa informara favorablemente en decembro do ano pasado, da revisión do Plan no marco da Comisión Galega de Protección Civil e remitiu de inmediato o informe ao Ministerio de Interior, trasladándolle a importancia de aprobar o novo PEE canto antes tendo en conta que reduce radios das zonas de intervención e de alerta afectando aos informes dos organismos competentes en materia de urbanismo.
As modificacións do PEE aprobáronse favorablemente xa hai case un ano na Comisión Galega de Protección Civil tras sometelas a información pública e agora, tras aprobarse hoxe o informe que estaba pendente do Goberno central, procederase á súa publicación.
A revisión do Plan de Emerxencia Exterior de A Grela Bens inclúe novos radios de afección modificados en base aos novos informes de seguridade das empresas asentadas no polígono. Ademais Alu Ibérica xa non formaría parte do PEE ao non contar xa cun depósito de propano e, polo tanto, minimizando o risco.