O secretario xeral de Universidades participa por videoconferencia na Conferencia General de Política Universitaria para analizar o novo texto normativo

A Xunta súmase ao rexeitamento de toda a comunidade universitaria á nova lei Castells

A lei non avanza nos cambios nas estruturas de centros e unidades de investigación que se dan de facto na realidade e queda afastada das tendencias europeas

Ignora a dependencia universitaria do financiamento autonómico e perde a oportunidade de fixar unha estrutura común para todas as comunidades

Galicia reclama unha reflexión sobre o papel dos consellos sociais, que quedan baixo a dependencia directa das universidades, malia ser o seu órgano fiscalizador

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2021

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou hoxe por videoconferencia na Conferencia General de Política Universitaria, na que se analizou o texto da nova lei de universidades. O representante da Xunta de Galicia lamentou que o proceso de elaboración desta norma estea a colleitar o rexeitamento de toda a comunidade universitaria, “que non recoñece o texto como seu”, unha valoración na que coincide o Goberno galego.

A este respecto, o secretario xeral explicou que o texto “carece de ambición, posto que non afronta as reformas que, durante décadas, foron demandados polos máis diversos foros. Isto é, unha oportunidade perdida”.

Centros e estruturas

Entre outros aspectos Díez de Castro fixo fincapé en dar pasos modernizadores no que se refire aos centros e estruturas universitarias, dado que a nova lei non recolle a evolución que de facto se deu nas últimas décadas e non aborda a súa rixidez. Tampouco recolle realidades como a dos centros de investigación e consorcios de investigación, que quedan no limbo nesta nova lei.

“Desde a Xunta apostamos, precisamente, por avanzar cara á flexibilización destas estruturas e á especialización das mesmas”, sinalou o secretario xeral, referíndose especialmente ás estruturas de investigación, “cuxo marco xurídico hai que modernizar, ordenar e desenvolver”. “Se se quere contribuír á mellora continua do sistema de I+D+i do sistema universitario, é necesario emprender este camiño”, engadiu.

Así mesmo Galicia demanda a posta en marcha dun procedemento para a acreditación das estruturas de investigación, que recoñeza a súa excelencia e sustentabilidade.

Financiamento

No que atinxe ao financiamento das universidades, o representante do Goberno galego lamentou que a lei non fixe un marco común para todas as comunidades autónomas e manteñan 17 sistemas diferentes. “Pérdese unha oportunidade para retomar o intento serio que houbo en 2010 de acadar unha estrutura común estatal para o sistema de financiamento”, dixo. Así mesmo, salientou a falta de diálogo coas CCAA, que son as que sosteñen o financiamento das universidades.

Aínda así, Díez de Castro destacou que a estrutura de financiamento que propón a lei na súa exposición de motivos (financiamento estrutural, por obxectivos e necesidades singulares) xa se está a aplicar en Galicia, así como o principio de suficiencia financieira.

A este respecto, o secretario xeral puxo en valor o consenso acadado na elaboración do Plan de Financiamento Universitario de Galicia 2022-2026, un documento acordado entre as partes que mobilizará máis de 3.200M€ no vindeiro quinquenio, a maior achega da historia da Xunta de Galicia ás universidades públicas.

Gobernanza e consellos sociais

En materia de gobernanza a nova lei volve ao mesmo punto da Lei Orgánica de Universidades (LOMLOU) de 2007, o que supón unha renuncia total a obxectivos ambiciosos. Neste sentido, o representantes da Xunta de Galicia demandou unha reflexión sobre como se están a desenvolver estes procesos en diferentes países europeos.

Por outra banda Díez de Castro reclamou unha reflexión máis profunda sobre cuestións como os cambios referidos ao papel dos consellos sociais, “que van en contra da racionalidade e da modernización”.

Cómpre sinalar que os consellos sociais son os órganos encargados de fiscalizar a actividade da universidade e garantir a rendición de contas á sociedade. “A dependencia xurídica e de xestión económica da universidade, así como a presenza maioritaria da propia universidade no Consello Social que propón a lei anula calquera labor de supervisión”, sinalou o representante da Xunta de Galicia. O secretario xeral destacou que o máis grave é que o Ministerio de Universidades ignorase a opinión da Conferencia de Consellos Sociais, que manifestou o seu descontento coa nova lei.

Imaxes relacionadas