O presidente da Xunta asistiu esta tarde ao XVII encontro institucional Fundación Secretariado Gitano 2021

Feijóo destaca o traballo conxunto entre entidades sociais e administracións para seguir avanzando nunha Galicia sen prexuízos e inclusiva

Incide en que integrar non significa absorber, senón convivir e respectarse; “e este é o obxectivo das iniciativas que a Xunta está a desenvolver”, di, referíndose aos diferentes programas impulsados xunto coa Fundación Secretariado Gitano para preto de 2.000 nenos e mozos na Comunidade

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o traballo conxunto entre entidades sociais e administracións para seguir avanzando nunha Galicia sen prexuízos e inclusiva, “onde cada quen pode atopar o seu lugar”.

Durante a celebración do XVII encontro institucional Fundación Secretariado Gitano 2021, Feijóo incidiu en que integrar non significa absorber, senón convivir e respectarse; “e este é o obxectivo das iniciativas que a Xunta está a desenvolver en conxunto con esta entidade”, dixo, referíndose, a modo de exemplo, aos diferentes programas impulsados para preto de 2.000 nenos e mozos xitanos na Comunidade.

Iniciativas como Promociona, que permitiu que milleiros de rapaces rematasen os seus estudos obrigatorios e chegasen á educación superior; o proxecto Acceder, que ofrece orientación para a busca activa de emprego e formación, con cursos centrados en diferentes sectores profesionais; e o programa Empregando, que axuda a mozos de ata 30 anos a que retomen os seus estudos e que poidan saír ao mercado laboral desde unha posición mellor.

Feijóo concluíu subliñando que as grandes palabras como solidariedade, convivencia ou respecto constrúense a través de accións concretas: accións como as encamiñadas á plena escolarización das nenas e nenos xitanos; ou como as actividades de formación para abrirlles aos mozos as portas do mercado de traballo.

Imaxes relacionadas